Exemplares de mamuts

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS

05 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Alertábanos Domínguez Rial da destrucción que están a sufrir os megalitos da Costa da Morte. Ao parecer a situación é tan grave que o 25% das mámoas de Cabana foron parcial ou totalmente derruídas nos últimos seis anos. Non é precisamente a zona un exemplo de conservación do patrimonio. Aquí a memoria histórica é unha amoladura, unha túzara que nos recorda a cada momento de onde vimos e quen somos. O pasado non importa, así nos vai que non aprendemos e caemos unha e outra vez nas mesmas pedras. O futuro, tampouco preocupa demasiado, quizais só o máis inmediato. Vivimos na dictadura do presente. ¿Para que queremos o pasado? Que aparece un dolmen, pois a meterlle uns cartuchos de dinamita, ao fin e ao cabo nin as institucións se preocupan. Así estamos cheos de edís de Cultura e Festas que cren que a cultura é xuntarse a comer, beber e tirar foguetes mentres a orquestra ataca por undécima vez campaneeeeero jerezaaano. Mentres, deixamos morrer de morte morrida o patrimonio de todos. Os pequenos burócratas fan o que mellor saben: mirar para o outro lado. Non se consola o que non quere: aínda que perdamos os monumentos, quedan nos despachos xenuínos exemplares de mamuts.