Rivalidades parroquiais

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS

02 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

NON COÑECÍA eu a rivalidade existente na parroquia carballesa de Entrecruces. Entereime estes días por un debuxo de Matalobos e un artigo de Gabriel Rivera. Ao parecer hai unha especie de pique entre a Alta e a Baixa desa parroquia. Que lles vou dicir, non é nada que me sorprenda en absoluto. O dos enfrentamentos intraparroquiais ou entre localidades distintas é algo que se perde na noite dos tempos, seguramente, incluso, antes de que os romanos acabaran coñecendo esta terra co nome de Finis Terrae. Na Costa da Morte, coma por todo o país, sempre houbo casos de maior ou menor enemistade entre lugares distintos: como exemplo abonda recordar o caso de Laxe e Corme, que foi usado como parte do argumento na serie producida pola Corporación Voz e que emite a TVG Mareas Vivas , onde aparecen enfrentadas os imaxinarios Portozás e Cormelle. En Bergantiños un caso paradigmático era o de A Laracha-Paiosaco que dirimían, hai anos, as súas diferencias en apaixoantes derbis futbolísticos. Na parroquia cercedense de Rodís tamén é antiga a rivalidade entre a Baixa e a Cima da mesma parroquia. Estes actos eran unha especie de autoafirmación dun colectivo. Por toda Galicia, hai xa décadas, era frecuente que os rapaces que pretendían mocear lonxe da súa parrquia foran mal recibidos polos aborixes . De aí que se converteu en norma que o Romeo foráneo tivera que dar un convite, de viño e molete, aos mozos parroquianos para poder parrafear con tranquilidade coa amada. Menos mal que hoxe en día non hai que pagar eses aranceis amorosos entre localidades e que as vellas rivalidades quedaron en simple chanza de taberna.