Resposta a unha concelleira

EVENCIO FERRERO RODRÍGUEZ

CARBALLO

TRIBUNA ABERTA

23 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

RESULTA CANDO menos chamativo que tirando vostede a primeira pedra teña medo a levar algunha pedrada e se retire antes de dar a oportunidade de clarificar posturas sobre a ubicación da gardería municipal. Como portavoz do BNG véxome na obriga de saír ao paso en defensa dunha posición que, cando menos, é lexítima e pensada para quen no futuro terá que asistir a esa gardería. A nosa valoración sobre o terreo elixido polo PP é preciso reiterala: a gardería estaría construída enriba do regato coñecido como Rego da Balsa. Esta zona ten sufrido moitas veces importantes inundacións e os que, desde nenos, vivimos nas proximidades da zona da Braña sabemos que un río, por moi pequeno que sexa, sempre está disposto a devolver o golpe. Non parece pois o mellor escaparate para a educación infantil a construcción dun edificio público sobre o río. Tampouco entendemos cómo os nenos e nenas de Carballo non poden disfrutar dun lugar máis enxoito e soleado. Se non é posible mellorar a ubicación da gardería por falta de outras parcelas de solo público o fracaso do goberno municipal sería estrepitoso. Cada quen ten que asumir a xestión realizada: ter en Carballo unha escola infantil canto antes é unha demanda do BNG dende hai décadas (documentación temos dabondo). Foi precisamente a nefasta xestión do PP que provocou que centos e centos de carballeses nacidos desde o ano da chegada do señor Varela á alcaldía (1991) se viran privados da oportunidade de asistir a unha gardería municipal (neste caso non é preciso documentalo porque estamos diante da crúa realidade). Un único ano (1988) estivo este portavoz con responsabilidades de goberno en Carballo. Ese tempo como concelleiro de Educación foi suficiente para inaugurar o colexio da Cristina, empezar a ampliación do IES Alfredo Brañas, en contra da opinión da Consellería, demostrar a necesidade dun terceiro instituto para Carballo (hoxe Parga Pondal), poñer en funcionamento o denominado centro de recursos e o Servicio de Orientación Escolar, iniciar a construcción de dúas escolas unitarias, programar as necesidades da totalidade dos centros públicos e manter actuacións permanentes para a mellora do ensino. O diálogo non se impón, establécese, poñan día e hora. Cada quen desde a súa responsabilidade falará sobre as moitas necesidades que ten o noso concello. Teñan a seguridade que no grupo municipal do BNG hai oito persoas dispostas a conseguir o mellor para Carballo.