A DIVISIÓN COMARCAL EN ACCIÓN

La Voz

CARBALLO

17 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Disque os labregos dos concellos de Laxe e Cabana deixan de ser atendidos na Axencia de Extensión Agraria de Baio para facelo na de Carballo. En resumo: teñen que desprazarse uns 30 ou 40 km para faceren o mesmo que antes en 10. Son as consecuencias lóxicas da adscrición dos concellos de Laxe e Cabana á comarca de Bergantiños, como xa adiantou La Voz. Anos atrás Hai anos, coido que por 1995, eu fora convidado por unha asociación de Laxe a falar sobre a vinculación histórica das parroquias do concello de Laxe coa Terra de Soneira. Dixera que desde a Idade Media estas parroquias formaban parte da Terra de Soneira, e hai documentos diso desde o ano 899 (e dos séculos seguintes) que o avalan. Dixera que Laxe era unha das tres vilas da xurisdicción de Vimianzo, que pertencía ós condes de Altamira: a xurisdicción gobernábaa un meiriño ou apoderado do conde que residía no castelo de Vimianzo. A vinculación de Laxe cos Altamira data do séc. XV, pois Dona Urraca de Moscoso, tía do primeiro conde e nai do segundo, herdara de súa nai un pequeno señorío en Laxe: un porto, unha residencia -a Casa do Arco- e un hospital. O territorio da xurisdicción coincidía case enteiramente co da comarca. Lembro que a aquela charla asistira o amigo Antón Carracedo, que daquela aínda non era alcalde, que fora quen me dixera que despois houbera certas discusións entre os partidarios da pertenza a unha comarca ou a outra. Decisións Non se deberan tomar decisións administrativas sen ter en conta a Historia, que unha vez máis demostra a súa utilidade. Eu agora unicamente pediría que cando vaia empeza-lo episodio semanal da serie da TVG, Mareas vivas, que nos fixemos no remate dos créditos iniciais cando a cámara vai como sobrevoando un antigo mapa de Galicia e achegándose pouco a pouco ó imaxinario Portozás, que claramente aparece situado no ámbito dunha comarca denominada "Tierra de Soneyra" (as letras aparecen moi clariñas). Ese mapa é o Gallaecia Regnum de F. Fer. Ojea e data do ano 1634; o algodón (os documentos históricos) non engana, pois non hai máis que quita-lo Portozás ficticio e volver coloca-lo Laxe real. Non son eu quen a meterme en asuntos que non me competen, pero, aínda que agora se diga o contrario, no futuro seguramente cada vez máis servicios se acabarán centralizando na cabeceira da comarca. Enténdese que a comarca é o territorio que xunta as parroquias e concellos que xeográfica e historicamente teñen unha unidade. Deste xeito, cando se recoñezan as súas competencias, garantízase a proximidade dos servicios ó cidadán. Se Laxe e Cabana deron por boa a súa adscrición a Bergantiños en 1997, é lóxico que no futuro teñan que depender de Carballo, a cabeceira indiscutible desta comarca, para moitos outros servicios. Cando se elaborou o Mapa Comarcal de Galicia, en 1997, moitos dicían que non servía para nada, pois estaba baldeiro de contidos, pero ningunha planificación se fai porque si, e penso que cedo ou tarde a comarca mesmo acabará substituíndo o concello. Isto xa se empeza a ver agora. Quizais prevendo a vantaxe da proximidade destes servicios futuros, a finais de 1996 moitas asociacións e non poucos veciños de Camariñas, Vimianzo e Zas, xunto coas súas corporacións municipais en pleno, se mobilizaran enviando alegacións á Xunta de Galicia para que se recoñecese a personalidade diferencial da Terra de Soneira, a comarca da que tamén formaron parte -durante case mil anos- as parroquias do concello de Laxe e varias do de Cabana. As argumentacións históricas disque pesaran o seu para o recoñecemento posterior da comarca.