MULLERES E IGUALDADE

La Voz

CARBALLO

05 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Dende aquelas tradicionais fotos da Sección Femenina, baixo o epígrafe «por que la única misión que tienen las mujeres en la tarea de la patria es el hogar...», ata a situación que se vive na actualidade media un mundo. Nas últimas dúas décadas as mulleres conseguiron inverter a proporción numérica no ensino superior, accederon a postos laborais e políticos impensables tempo atrás e conseguiron, sobre todo, unha maior independencia económica e persoal. Aínda así esta maior preparación non se reflicte no mercado laboral, onde a muller segue a percibir menor salario a igual traballo ou ten vetado determinados cargos. Poñamos por caso as comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra: atopámonos con numerosas concelleiras de cultura, festas e demais luminarias, mais non atopamos unha soa alcaldesa. Os distintos partidos políticos non soen levar mulleres encabezando as súas listas. O mesmo pasa se imos ao Goberno autonómico ou ao central: as mulleres ocupan consellerías ou ministerios dos considerados polos cidadáns de segunda división. Dende as institucións da comarca búscase como saída ao mercado laboral cursos de confección ou de cociña: «Lóxico ao fin e ao cabo son mulleres, ¡que carallo hainas agora que non saben nin coser un botón!» que diría algún. Despois os malos tratos que se repiten coma un andazo por todo o país. ¿Máis ca antes? Non, o que só é seguro é que hai moitas máis denuncias. Remontémonos aos anos cincuenta e imaxinemos unha muller que acode a un cuarteliño logo dunha boa tunda: «Tranquila mujer, se le iría la mano, ten paciencia» e o mesmo sarxento de garda acompañaría á bourada á casa para que o home comezara o seguinte asalto. Nesto supoño que todos estaremos de acordo en que se mellorou, aínda que queden certas expresións máis propias dos galos de curral que das persoas. En Carballo non hai moito escoitei un señor, de mediana idade, dicirlle a outro, animado por uns escopetazos de scottish: «As mulleres agora teñen igualdade de máis». «Igualdade: (substantivo feminino). Correspondencia total entre as partes dun todo». Ou se é igual ou non se é, pero eso de máis ou de menos...