ADMIRABLE ESFORZO

La Voz

CARBALLO

15 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Señor Comisario: Informámonos pola prensa que deseñan, dende Bruxelas, un novo recorte do sector pesqueiro. Din que o mar está demasiado explotado e que se segue faenando a este ritmo o futuro será máis negro. Para evitalo deberíase reducir uns centos de embarcacións galegas, entre elas parte das da Costa da Morte. Quero aproveitar esta columna para felicitalo por tan acertada política porque xa me dirá para que se queren zonas como a Costa da Morte con tantos barcos nos portos. Veña barcos en Malpica, en Corme, en Laxe, en Muxía, que nin que non houbera outras formas de traballo. E logo a queixarse de que o mar é moi duro, que non se gaña case nada, que a xuventude da costa está sen futuro.¡ Se souberan eles as noites sen durmir que pasan os altos funcionarios da UE! ¡Se por un momento se imaxinaran cantas reunións de alto nivel se celebran ao día para que a xente como a eles non lles falte de nada¡ Discriminación Quéixanse que a Costa da Morte está discriminada, mal comunicada e sen industria. Vostede e máis eu sabemos que dende Caión a Fisterra o nivel de vida é comparable ao da Costa Azul . Sabe perfectamente que centos de mozos e mozas desta zona pasan estancias de moitos meses nas Canarias. ¿Acaso non é ese un dos indicadores de alto poder adquisitivo? ¿Que outras zonas de Europa se poden permitir o luxo de enviar aos seus rapaces a este tipo de vacacións en illas paradisíacas? Veña coa teima dos seus barcos e das redes, vostede máis eu, Mr. Fischler, sabemos que a privilexiada Costa da Morte sería, se cabe, aínda máis rendible, substituíndo eses vellos barcos e construíndo novos peiraos deportivos. Fomentar o turismo, velaí o desexable futuro. Novos grupos Para eso a Unión Europea tería que pular pola creación de novos grupos folclóricos para deleite dos turistas ou construír enormes complexos hoteleiros coma os de Varadero. Teriamos así por fin unha costa cosmopolita con milleiros de xaponesiños levando camisetas coa lenda impresa: ¿Estuve en A Costa da Morte y me acordé de ti¿. Sen máis, agradecéndolle o seu admirable esforzo pola prosperidade da Costa da Morte e de Galicia en xeral, despídome atentamente. Aos seus pés este humilde administrado.