O medio ambiente é aforrador

La Voz

CARBALLO

CASAL

O Instituto Enerxético de Galicia dá claves para reducir o consumo medio anual, que supón un gasto de 600 euros por familia Segundo os cálculos do Inega (Instituto Enerxético de Galicia), o consumo anual dunha familia en electricidade e gas, fundamentalmente, representa un gasto medio de 600 euros por fogar, e segue aumentando. Pero reducir esta cantidade non só é posible, senón tamén desexable, para o peto e para o planeta, xa que a xeración de enerxía é a principal causante do chamado efecto invernadoiro. Nese sentido é posible aplicar unha serie de medidas correctoras como as que se deron a coñecer onte nunha charla organizada polo Concello de Carballo dentro do programa de actos conmemorativos do Día Mundial do Medio Ambiente.

06 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O Instituto Enerxético de Galicia ofrece unha serie de recomendacións que se poden levar á práctica na vida cotiá. : Uso dos electrodomésticos . Para aforrar enerxía é aconsellable utilizalos a plena carga e nos programas económicos, ou ben optar polos novos electrodomésticos intelixentes . Hai que manter a parte traseira do frigorífico e o conxelador limpa e ventilada, non abrir a porta da neveira inutilmente, non introducir nela comida quente e regular a súa temperatura seguindo as instruccións do fabricante. : Lavar a louza . É máis económico usar o lavalouzas que lavala a man con auga quente. O aforro pode chegar ó 60%. : Illamento . Para ventilar as habitacións basta con abrir as ventás 10 minutos. Se non teñen xuntas de goma, instale burletes adhesivos e, se é posible, dobre acristalamento, co cal aforrará ata un 20% de enerxía. Se fai reformas, aproveite para colocar algún illamento térmico. : O lixo . Partindo da base de que «reciclar é aforrar enerxía», o Inega aconsella optar sempre polo envase de vidro antes que os de metal, e polos de papel antes que polos de plástico. Procure levar a bolsa da casa ou usar carriño, e pregunte onde depositar os materiais tóxicos. : Calefacción . Para aforrar é convinte apagar a calefacción pola noite e non encendela ata despois de ventilar a casa, instalar termostatos e manter a temperatura da casa entre 18 e 20 graos, xa que cada un que se aumenta supón un incremento do consumo de entre un 5 e un 7%. Para durmir é suficiente unha temperatura de 15 a 17 graos. : Cociña . Os expertos do Inega recomendan empregar recipientes cun fondo maior que o lume e tapar sempre as cacerolas, xa que se pode aforrar ata un 20% de enerxía. Outros consellos son: desconxelar os productos dentro do frigorífico, usar a ola a presión, evitar abrir a porta do forno innecesariamente e baixar a temperatura ou apagar a placa ou o forno eléctrico antes de que remate a cocción. : Iluminación . O mellor é aproveitar a luz natural e sustituír as lámpadas convencionais polas de baixo consumo, que aforran un 80%, é dicir, 11 euros ó ano por cada bombilla, e ademais duran ata dez veces máis. Tamén se poden utilizar reguladores de intensidade luminosa. : Cuarto de baño . As normas básicas consisten en evitar usar a auga a máis de 40 graos centígrados, optar polas billas termostáticas de baixo consumo, regular o volume de auga da cisterna e mellor ducha que baño. As billas que gotean poden supoñer unha perda duns 30 litros de auga ó día. : Colada . Procure lavar sempre con auga fría ou a baixa temperatura, aproveite o sol para secar a roupa e non enchufe a plancha para unha soa prenda.