Boas cargas de trigo para pagar privilexios

La Voz

CARBALLO

06 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

O resto histórico máis antigo do que temos noticia é o castro que hai no Cotón de Santa Cecilia, do que Antón Rodríguez Casal di que está situado preto do lugar de Centiña, a uns 800 mentros da estrada de Coristanco a Santa Comba. É un dos xacementos castreños con defensas máis poderosas de toda a terra de Bergantiños. Non hai moitos anos fixéronse explanacións no seu interior para poder proceder a unha repoboación forestal. É posible que esta parroquia estivese habitada durante a época sueva, dado que outras parroquias do seu entorno, Seavia, Erbecedo ou Bazar, si se sabe que o estaban. Ata finais do século XVI unha boa parte das súas terras pertenceron ó mosteiro de Seavia. A comezos do século XVII, (1607) segundo nos di Del Hoyo, quen tiña certos privilexios sobre a parroquia eran o «...retor de Santa Comba de Jallas y los erederos de Juan de Coyro de Lamas,(...) Hay dos ermitas, una de Nuestra Señora y otra de Santa Cecilia. Cofradías una del Sanctisimo Sacramento y otra de San Gregorio...», curiosamente, estas confrarías eran as mesmas que por esas datas había en Seavia. As rendas que tiñan que pagar á igrexa os veciños eran unhas 54 cargas de todo pan (uns 648 ferrados) das que unhas 24 (288 ferrados) lle correspondían ó cura. Durante o antigo réxime, San Paio pertencía á provincia de Santiago e á xurisdicción de Mens e tanto o señorío secular coma a xurisdicción ordinaria estaba desempeñada polo conde de Altamira. Ó se constituíren os concellos en 1820 pertencería ó arciprestado de Bergantiños, ó partido xudicial de Sísamo e á provincia de A Coruña. Coristanco gañoulle terras a Seavia a mediados do século XIX, xa que a aldea de O Carrizal incorporouse a ela como resultado dun arranxo parroquial que houbo na diócese tralo concordato de 1851. Xosé Pumar Gándara dá esta data de 1851 para ese cambio, sen embargo Pascual Madoz xa di que en 1850 esa aldea pertencía a Coristanco. Tamén dí que en todo o concello había dúas escolas, unha delas en San Paio. Ten sido a sede de dúas das tres ubicacións que tivo a casa consistorial. Nos nomenclator ata o de 1960 figura a aldea de a Furoca como a capital municipal. Sen embargo parece ser que xa antes estaba á beira da estrada C-552 no lugar de A Esfarrapa, nun edificio no que aínda hoxe conserva na súa fachada o rótulo de casa consistorial. Será en 1966 cando as oficinas do concello cambien para a súa actual ubicación en San Roque, na parroquia de Traba. Pumar Gándara pensa que do mesmo xeito que o mosteiro de San Paio Antealtares estivo adicado antes a san Pedro pero ante a enorme popularidade que acadou o neno Paio, sobriño do bispo de Tui e martirizado polos sarracenos en Córdoba. A igrexa parroquial data do século XIX, pero a torre é de comezos do S.XX. Os seus retablos foron restaurados non hai moitos anos. Na aldea de Centiña hai unha capela que, segundo pensa Pumar, fora trasladada para alí desde o Cotón de San Cecilia.