Presentación da exposición e concerto

La Voz

CARBALLO

Hoxe, a partir das seis da tarde, preséntase na taberna de Tano en Malpica a exposición da obra resultado do encontro de dous creadores: Xusto Moreda e Lola Faia. Trátase dunha experiencia innovadora na que se funden olería de Buño e a pintura de Moreda. Lola Faia partiu dos parámetros da tradición para transcendelos nunhas pezas orixinais ás que o pintor deu un toque de cor. É salientable nos debuxos a presencia feminina, con rostros e ollos abismados na tristura. Esta exposición é mostra parcial dunha serie de catro modelos de pratos dos que, polo momento, só se fixeron 25 exemplares. Todos están numerados e asinados polos autores. O acto de presentación, conducido e producido pola asociación Caldeirón.com terá un fin de festa que se celebrará no pub Cornecho de Malpica. A partir das once da noite haberá un concerto coa banda Jazz Butano. Os membros da agrupación cultural aclararon que a entrada a ámbolos dous actos é totalmente gratuita.