O alcalde de Carballo semella dar por perdida a posibilidade de aprobar un presuposto neste ano 2002. Na súa opinión, a «obstrucción» da oposición vai impedir levar adiante novos proxectos, aínda que «mal que lles pese», anuncia a próxima posta en marcha de servicios como o museo, a ludoteca, a piscina, o Pazo da Cultura e o parque de bombeiros. -¿Canto tempo lle ocupa a crise? -Nunha situación como a que vivimos o último ano, a metade do tempo do alcalde dedicoulla máis a saír de situacións onde te colocaba a oposición que a visitar ó conselleiro de turno, a visitar outras obras por aí, a ir abrindo camiños e vendo posibilidades. A eso é ó que te leva ter que andar permanentemente vendo as argalladas do personal. -¿Que actitude mantén o grupo de goberno fronte á esa situación? -O grupo de goberno está tratando de levar adiante tódolos proxectos que tiña ó principio do mandato, e que vai levar adiante aqueles que non necesitan de acordos plenarios. E os que necesitaban dun apoio e dun acordo plenario maioritario, xa estamos vendo. Todos aqueles proxectos que dependen dun acordo plenario non se van poder executar. -Pero iso implica unha dependencia practicamente total doutras administracións para calquera outro proxecto que se queira levar adiante. -Non. Eses proxectos quedan sen facer. Unha xestión municipal ten un carácter flexible, en canto que ti tes un presuposto e podes mover ese presuposto, e cada ano podes ir buscando un marco económico que ó final é ese presuposto. Pois nós xa este ano pasado non puidemos mover ese marco presupostario. Eso, por exemplo, traducido en obra, lévamos a que o Pazo da Cultura tiña que estar inaugurado este decembro pasado, e tiñamos capacidade sobrada. Eso é o que non nos permite. Ímolo facer igual, pero vainos levar máis tempo.