EVENCIO FERRERO RODRÍGUEZ TRIBUNA ABERTA
07 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O governo municipal do PP non cambiou, neste tempo, de forma de facer política, a pesar de que por méritos propios perderon a maioría absoluta. O novo escenario require dun talante moi diferente ao que desenvolvían cando a tiñan, pero continúan arrastrando os mesmos vicios sen querer darse conta da nova situación. Esta obríganos a todos, na práctica política, a afrontar as respectivas responsabilidades con amplitude de horizontes, mostrar verdadeira vontade de diálogo co fin de chegar a acordos para sacar adiante obras realmente inaprazables, como, por exemplo, o arranxo da travesía principal. Pero tamén se debe empezar a debatir un Plan de Investimentos para programar as futuras infraestructuras e equipamentos do Concello debido a que arrastramos grandes deficiencias pola parálise que vimos padecendo nestes últimos tempos. Está claro que o falar, para algúns, non ten cancelas, pero a realidade dos seus feitos vai por outros lados desmentíndoos. Cando se ten verdadeira vontade de buscar colaboración, predisposición para dialogar e chegar a acordos sen pretender impoñer criterios e posturas aos demais hai que empezar por cumprir os acordos adoptados en sesións plenarias, xa que do contrario incúmprese coa legalidade vixente por ser éstes inmediatamente executivos. Ao mesmo tempo se demostra unha falta de respecto pola institución municipal, que como máximo órgano de representación ten ao pleno da corporación. Credenciais Por outro lado, tampouco se nos facilita a información solicitada para o exercicio das nosas funcións, que se leva demandando en reiteradas oportunidades, non se convocaron as comisións informativas solicitadas hai máis de 15 días para analisar a situación do Plan Xeral, para a comparecencia do concelleiro delegado de Tráfico... Por todo elo, calquera pode deducir que o PP, na súa práctica política, vai nun sentido contrario ao que afirma practicar: non teñen respecto polas formas democráticas, non queren que se controlen os órganos de governo, etc. Estas son as credenciais que presentan para que haxa un bo clima de diálogo e consenso, pero na práctica unicamente lles interesa confundir á xente decíndolle que non se fan as cousas porque a oposición non lles deixa, cando non é certo, o que ocurre é que agora non poden aplicar o rodillo. O BNG sempre se mantivo aberto ao diálogo, a tender pontes para chegar a acordos, pero eso non significa que aceptemos as posturas intransixentes do PP, nin que non esixamos un cambio na práctica e forma de facer política, que se remate coa dedocracia abrindo a Administración Municipal a tódolos veciños. EVENCIO FERRERO é o voceiro do grupo municipal do BNG de Carballo