Os netos de Eduardo Pondal

GABRIEL RIVERA CARBALLO

CARBALLO

CASAL

As persoas de letras da Costa da Morte destacan o gran momento de creatividade literaria que vive a bisbarra Dende que a principios do século XX se apagára a voz de Eduardo Pondal, as letras na Costa da Morte parecían durmir o sono dos xustos. Este descanso veuse poucas veces turbado, agás cos despertares de López Abente ou Antón Zapata. Ata que na década dos noventa se produciu un «boom» de calidade, impulsado por obras individuais e accións colectivas como o Batallón Literario. Hoxe en día, a zona ten autores de primeira fila en calquera xénero. Na poesía, os irmáns Villar son unha referencia e na narrativa Xurxo Borrazás é continuamente premiado. Os netos de Pondal rescatan os vellos laureis do seu avó literario.

16 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A opinión tanto dos críticos como dos autores é unanime: o mundo das letras na Costa da Morte vive un momento doce. «O futuro das letras na Costa da Morte está asegurado. Estase nun momento de grande calidade e que está sentando precedentes», di a profesora de lingua galega Mercedes Queixas. Esta opinión é compartida poR escritores da comarca como o ceense Miro Villar e o seu irmán Rafa. «Vívese nun tempo óptimo, no que ademais hai unha grande diversidade: trabállase en tódolos xéneros literarios», cometa Modesto Fraga, poeta fisterrán. Recuperación O historiador Luis Lamela sitúa esta última eclosión das letras na Costa da Morte coincidindo co nacemento da democracia: «A chegada da libertade recuperou o que dalgunha maneira se tiña feito na zona antes da guerra do 1936 e que quedou interrumpido por este conflicto bélico». Un dos problemas que afronta a literatura é a dispersión que hai entre os escritores da Costa da Morte. Miro Villar e Rafa Villar viven en Santiago, Xurxo Borrazás en Vigo ou Luis Lamela na Coruña. «Algo inflúe. Foi o que motivou o silencio do Batallón Literario, aínda que sigue habendo contacto», apunta Modesto Fraga. Outros autores, sen embargo, optan por quedar.