«A inauguración das Torres do Allo de Baio será a principios do verán, posiblemente no mes de xuño»
CARBALLO
Xosé Luis Torres Colomer, presidente da Deputación da Coruña O presidente da Deputación, José Luis Torres Colomer, aproveitou o seu paso pola Costa da Morte para inaugurar a edición número once da Mostra do Encaixe de Camariñas e visitar algún dos edificios históricos que está restaurando o ente provincial. Xunto cos técnicos analizou o mellor futuro destos conxuntos etnográficos e auguroulles un futuro dedicado a acoller a cultura e o turismo das tres comarcas. O presidente provincial asegurou que a mostra artesana de Camariñas está consolidada «o cen por cento» e anunciou: «A inauguración das Torres do Allo de Baio será a principios do verán, posiblemente en xuño».
11 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Ó seu paso pola Costa da Morte, Torres Colomer comprobou o estado de rehabilitación dalgúns conxuntos etnográficos. -¿Cánto falta para que as Torres do Allo estén rematadas de reformar? -Fáltalle moi pouco, prácticamente está finalizado, despois dunha inversión de máis de 170 millóns de pesetas. Eu creo que se vai recuperar a historia nobre desta comarca e con este edificio singular e importante tamén se van abrir diferentes líñas de futuro para a comarca. -¿Cando será a inauguración? -A inauguración das Torres do Allo de Baio será a principios do verán, moi posiblemente no mes xuño. -Este edificio vai ser un emblema e unha porta aberta para os visitantes ¿Cales son os plans que ten a Deputación para os edificios das Torres do Allo? -Os plans aínda non están perfectamente definidos, pero o que temos en mente é seguir potenciando esta zona da Costa da Morte. A idea que temos é, a partir das Torres do Allo e outros edificios como os batáns de Mosquetín, potenciar iniciativas culturais e turísticas de cara ó futuro. -¿Cales serán as liñas básicas desa xestión? -Estanse estudando actualmente varias alternativas, pero non temos definido nada aínda. Elixirase aquela que de unha maior rentabilidade social. -A Deputación xa leva moitos anos traballando na recuperación do conxunto etnográfico de Mosquetín. -Xa se leva preto de catro anos traballando na súa restauración. Houbo que recuperar tamén todo o que foi a nosa cultura, a nosa artesanía e, incluso, o que foi a nosa industria. Todo eso se fixo para poñelo a disposición e á vista de todos os que a queiran ben. -¿Cómo está o proxecto de Dombate? -Dende a Deputación imos darlle un impulso para resolver a cuestión canto antes. De feito, a próxima semana poreime en contacto ca Consellería de Cultura para sacar adiante o proxecto. -Vostede xa estivo o ano pasado na inauguración da Mostra do Encaixe de Camariñas ¿que lle suxire que se chegue xa a edición número once deste certame? -Suxíreme que a Mostra está xa consolidada ó cen por cento, que ten a súa importancia e que ten dado o seu paso para o futuro. Edición tras edición vese que vai mellorando e que cada vez vaise incrementando a afluencia de xente. Algo destacable tamén é que as palilleiras que acuden xa non son as de Camariñas e de Galicia, senón de todo o mundo.