O río dos diferentes nomes

XOSÉ PUMAR GÁNDARA CARBALLO

CARBALLO

CASAL

A denominación actual do Anllóns non aparece na literatura escrita ata Eduardo Pondal Dicimos topónimo, e non hidrónimo. Preferimos Allóns. A primeira vez que lin Anllóns foi, claro é, no tan coñecido poema de Pondal. A primeira vez que oín dicir solemnemente, enfaticamente, Anllóns, foi na declamación polo vate Pérez Parallé, en Carballo, dunha larga poesía súa que fora premiada no concurso literario celebrado en Bergantiños. Sería polos anos 1978-1979. Aquel poema foi publicado en «Mensaje de Bergantiños», boletín interparroquial. O noso río é o resultado da confluencia de moitos pequenos ríos. Todos teñen candanseu nome alí por onde pasan. Por iso non é posible coñecer onde nace o Allóns.

05 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A xuntanza das augas ten lugar xa pasado Carballo. Cando o río resultante vai por Verdes, aínda é coñecido como o río Grande ou o río de Verdes. Chegando ás terras da parroquia de Allóns, alí o hidrónimo é xeral, estamos ante o río Allóns. Leva razón Fernández Carrera, quen estima que o nome é pendente do topónimo da gran parroquia de Allóns. Sempre tivemo-la sospeita de que Anllóns, co «n» intercalado, foi obra de Eduardo Pondal, tratando de buscar sonoridade para os seus versos. Co «n» resoa máis a súa campana. Se facemos unha pequena revisión, atoparemo-lo seguinte. Fernández Oxea, no seu mapa de Galicia (1603), pon Allóns. Del Hoyo, nas súas Memorias (1607), tamén. O Padre Sarmiento, na súa Viaxe por Bergantiños (1745), escribe Allóns. Salientemo-la importancia do testimonio deste frade bieito, o primeiro filólogo galego, quen, ademais, asegura que así o di o pobo: Allóns. Tomás López, no Mapa Geográfico del Reino de Galicia (1784), escribe Allones. E pon tódolos topónimos castelanizados. No diccionario de Madoz temos Allones (1847). Na primeira guía oficial da arquidiócese de Santiago (Nomenclator, 1876), lemos Allones. Chegamos a Pondal (1835-1917), e aparece Anllóns. Igualmente, o seu amigo Murguía (1833-1923), escribe Anllóns. Mais, Otero Pedrayo, na Guía de Galicia, escribirá Allóns (primeira edición, 1924). Sentimos non ter á man o mapa de Fontán, nin o da arquidiócese que se garda no Arquivo Diocesano de Santiago. Son da metade do século XIX. As últimas edicións da Guía Diocesana e de Nomenclátor xa poñen Anllóns. Ata agora sempre Allóns/Allones. E xa é común en carteleiras e cabeceiras que hai por Bergantiños a forma Anllóns. Tamén na prensa diaria. Introducida a forma Anllóns, vén espontaneamente a súa traducción: Angulones, as reviravoltas do río. A confirmación desta intuición dánola o río Anllo, en Monforte de Lemos, que está documentado e interpretado como Ángulo. E Riaño, en Castela, que se entende como río do Ángulo. Podería traerse tamén a colación Rianxo, ángulo da ría, como nos di Rabanal. Se ben, nesto, hai pequenas dificultades. Forma antiga Para clarificar esta cuestión, e outras semellantes, temos que dar coa forma máis antiga do topónimo. En documento outorgado en Ciudad Rodrigo por Alfonso IX, rei de León, confirma o dereito da serventía que tiña o mosteiro de Sobrado (xa outorgados polo seu pai Fernando II), sobre o territorio In Allones. Este documento leva data do 10 do mes de San Martiño do ano 1189. Está recollido na Regenta de Alfonso IX, co número 31, tomo II, publicada por Julio González González (Madrid, 1944). En consecuencia, Alliones, hoxe Allóns, en galego, é un topónimo. Se queremos saber qué significa, podemos recurrir ó latino Alius (outro). ¿Serían, pois, outros, alleos, os aludidos en Alliones? Tamén hai un Allone, nome de colonia grega.