CRISTINA ABELLEIRA A ENTREVISTA Bernardo Valiño, director da Romaría Internacional
27 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Tódolos anos acompaña ós artistas e ós técnicos que se moven dun concello a outro de Galicia cos seus espectáculos. Porque a Romaría Internacional move cada verán a centos de persoas. E a responsabilidade da dirección recae en Bernardo Valiño, que onte estivo en Onda Cero antes de viaxar a Carballo, onde se presenta hoxe, ás 22 horas, o espectáculo Música para soñar. _¿Como definiría os espectáculos deste ano? _Distintos os dous. Creo que moi atractivos e que van gustar ó público de Carballo. O primeiro (O embruxo da danza, previsto para onte) é un espectáculo de danza española, con toda a variedade da danza, cun vestuario riquísimo, cunha rondalla en escea e cunhas bailarinas extraordinarias da prestixiosa escola de danza de Conchita Álamos de Granada, que ademais é unha das proveedoras do Ballet Nacional. É un espectáculo extraordinario, e está gustando realmente moito. _¿Foi premeditada a busca dunha compañía un pouco máis próxima do que é habitual? _Por iso precisamente o trouxemos, e ademais creo que acertamos, porque está gustando moitísimo. _Pero tampouco este ano falta a música clásica. _Se o tempo nos axuda, a xente vai asistir mañá (por hoxe) ó espectáculo máis completo, máis grandioso, o máis importante que trouxo a Romería nestes vinteún anos. Realmente é extraordinario, é soberbio, perfecto: o vestiario, a orquesta... _¿Podemos falar de Carballo como un escenario consolidado da Romaría? _Forma parte do Padroado, e iso significa que un espectáculo nunca vai deixar de celebrarse, e se un día non se pode porque chove, faise outro. E está a organización mancomunada, que permite ter grandes espectáculos cun custe que doutra forma sería imposible. _¿Está causando moitos estragos o mal tempo? _Terrible, pero aínda así está asistindo moitísimo público. O nome xa convoca á xente, son vinteún anos, e ese é o mellor aval da Romaría Internacional.