Se a literatura fose unha árbore, as actividades celebradas onte na comarca de Bergantiños contribuirían a que empezase a florecer. O Día das Letras Galegas reuniu en O Couto a case tódolos escritores da Costa da Morte, xoves e non tan xoves, que publicaron obras no último ano. O acto foi emotivo e estivo envolto por ese halo de intelectualidade que se lle supón a unha xornada como a do 17 de maio.Máis entrañable, se cabe, resultaran pola mañá a misa e a ofrenda floral no monolito pondaliano do adro, que xa son citas obrigadas. Polo demais, a xornada caracterizouse polo ir e vir de participantes e visitantes para disfrutar dos actos programados pola asociación Monte Branco, que hoxe rinde homenaxe a Manuel Murguía cunha visita por Arteixo guiada por Henrique Rabuñal.A poucos quilómetros, en Laxe, os nenos responderon ó chamamento do Concello para participar nun obradoiro de coiro. Unha charla e música brasileira completaron o programa do día, pero hoxe falarase no salón de actos sobre as axudas para a galeguización da empresa (19 horas) e haberá unha sesión de contacontos con José Campanari e Pedro (21).En Carballo coincidiron pola mañá o maratón Dez horas lendo, programado polo Concello e o Consello Local de Cultura, e o concurso de pintura que organizou Lumieira. Se os rapaces disfrutaron, os maiores tamén deixaron a súa aportación. Os políticos comezaron coas lecturas, e pouco a pouco foise enchendo a praza do Concello, pola que pasaron ata que empezou a oscurecer decenas de lectores de tódalas idades.No local social de Neaño, en Cabana, abriuse onte unha mostra de artesanía do liño organizada polo Concello e a asociación O Santo de Pólvora, e en Agualada continúa hoxe a Semana Cultural do colexio cun obradoiro de barro impartido por un oleiro de Buño.