Afortunadamente para Ribeira, e para o mundo, Palmeira e Corrubedo existen. Unha, situada á beira da ría, preñada de amenceres suaves, e a outra, na costa atlántica plena de luscos fuscos. As dúas con antecedentes penais por botar fóra á xuventude coa desculpa de descubrir navegacións por mares descoñecidos, ou xa coñecidos, pero necesitados de quen os suquen con rumores de ondas antigas.
Palmeira orientada cara ao este. Corrubedo ao oeste. As dúas comparten pasados recentes de salgaduras. Acentos e expresións son sinais de identidade que definen a orixe dos falantes, sexa calquera o lugar do mundo que se encontren. O topónimo Palmeira evoca paisaxes exóticas con climas de luz dura, calor forte aos que os expulsados se adaptan, trunfando ou fracasando, en labores imposibles para outros. Fai falla pertencer a unha estirpe especial.
Corrubedo, «curro vello» érguese rodeado de salitre e area. Algunhas baleas lanzaban os seus cantos para anunciar a praia de Balieiros, onde se despiden do grupo, que continua a súa éxida lonxe do depredador humano. Varaban para morrer. E aí un faro ollando ao infinito.
Palmeira, cun dos embarcadoiros máis antigos desta ría, xoia do noso patrimonio, converteu o aceso ao molle nunha explanada onde o cemento campa por riba de calquera outro material nobre, eliminando a praia chea de coídos, onde nunha época os polbeiros ían a procura de coios para facer os cotelos e algunha poutada. A sostibilidade, tan anunciada, semella un conto. O peirao queda debaixo da nova obra, oculto. Corrubedo con edificios levantados sen orde e sen plan urbanístico. Palmeira, o mesmo. E agochando a súa alfaia máis prezada.