Santo Alberte

RIBEIRA

MARCOS CREO

«A nova visita confirmoume que continúa a ser un lugar moi especial que nos fala de como compartimos espazos coas xentes do pasado»

02 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Había ben de anos que non subía ata o monte Santo Alberte, en Ribeira. O outro día cadroume ben botarlle un ollo logo de moito tempo, despois de máis anos, experiencia e viaxes. A nova visita confirmoume que continúa a ser un lugar moi especial que nos fala de como compartimos espazos coas xentes do pasado.

Aos pés da capela pasa o vello camiño de mámoas que vén do alto da Curota e descendía ata o litoral. Pensei que esa xaneliña románica viu nacer as primeiras viliñas do litoral da Arousa, cando os pescadores volveron ao mar e montaron aldeas humildes na orixe de Ribeira, Palmeira ou A Pobra, aló por mediados do século XII. A xulgar polas tradicións mariñeiras da capela, se cadra ela mesma foi consecuencia destas novas xentes do mar e os seus medos.

Os meus ollos veteranos tamén intúen, na plataforma chaira da capela, se cadra un antigo castro, como en tantas outras capeliñas montesías. Só unha intervención arqueolóxica podería confirmalo. E tamén intúo que esa enorme pedra do carón, o maior patrimonio de Santo Alberte, tivo moito que ver coa elección do lugar.

Todo o que lle quitaron ao penedo foi para a reforma da capela do XVIII, cando xa perdera en parte o seu vello sentido. Hai anos aínda se vían cruces gravadas. E logo está a curiosa orientación da capela, revirada cara o nordeste, contándonos algo.

Na festa do santo, a finais de abril, o primeiro sol do día entraría xusto por esa fermosa xanela e algo sucedería. Non sabemos que, pero fícanos a imaxinación.