Platón tamén votaría Tanxugueiras

Olegario Sampedro

RIBEIRA

ROCIO CIBES

28 ene 2022 . Actualizado a las 09:18 h.

Cada 31 de decembro, e antes de que os abondosos brindes de cava me afoguen a pouca sensatez da que dispoño, teño o costume de repetir unha liturxia: redactar un listado coas melloras que coido preciso para medrar como persoa. Tratar de reducir a tendencia a expresar certos xuízos sen meditalos suficientemente encabeza o elenco. Xa mo dicía miña nai: «Tes que morder máis esa lencuíña». Na universidade adoitei recorrer aos exemplos da filosofía para ilustrar ese propósito de perfeccionarme. Gardo debilidade polo Mito do carro alado de Platón: a porfía dun xinete por dominar uns indómitos cabalos que simbolizan os instintos humanos ou almas. Un dos equinos é perfecto (a alma racional, que está na cabeza) e outros dous son mellorables (o instinto ou alma concupiscente e o irascible, que se sitúan no ventre). As persoas virtuosas serían aquelas que consigan que prevaleza o cabalo, ou alma, racional.

Ata o de agora, xuro que tentei cumprir cos bos propósitos, mais logo de ver a primeira semifinal do Benidorm Fest férveme o unto, síntoma irrefutable de que volvo ter completamente arroutado o cabalo da alma irascible. Vaia por diante que aparco os afectos persoais, culturais e lingüísticos que lles profeso ás Tanxugueiras. A miña apreciación baséase estritamente na incontestable calidade despregada na súa actuación.

TVE artellou un sistema de votación triplo: un xurado demoscópico (como lle gustaría este étimo a Platón!) representando todo o espectro do público español, outro por medio do televoto, e un xurado de cinco profesionais elixidos polo Ente. Unha vez rematado o reconto, estoupa a bomba: unha inexplicable discordancia entre xurados. España, masivamente, considerou TERRA unha das grandes finalistas, en contraposición co xurado profesional, que a deixa fóra do xogo. A miña reprobación vai dirixida directamente á TVE. Considero que unha canle pública debe ter como imperativo ético ser integradora, xusta, imparcial e concordante co sentir popular. 

Porén TVE, unha vez máis, fai fachenda de clonar e perpetuar un obsoleto concepto de estado centralista, apalermado e despectivo cunha das súas maiores riquezas, que é a fecunda e marabillosa diversidade cultural, lingüística e musical que atesoura o territorio español. Publicamente declaro que a TVE non me respecta como galego nin me representa con esa extemporánea concepción de cidadanía española. Polo tanto, agás para a final do Benidorm Fest, non me prestarei a ser parte da súa audiencia. Teño o convencemento de que se Platón vise o acontecido con Tanxugueiras tamén lle fervería o unto.