Ule a queimado

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

Son tempos de grandes silencios na Barbanza. Cheira ao fume e ule a queimado. Os xardíns dos fogares énchense de cinza e os animais andan nerviosos, medrosos e asustados.

Hai silencio porque non hai respostas. A quen debemos culpar deste drama: ós veciños, ós partidos políticos, á Xunta, ós curas, ós contrabandistas, ós bombeiros, ós de protección civil?. A quen? Todos somos conscientes de que estamos queimando a vida. A nosa e a das xeracións futuras. E recoñecelo fode. Máis cando non hai resposta.

Logo os patróns maiores das nosas confrarías laiaranse pola mortaldade do marisco. Os mariñeiros dirán que non hai peixe. O conto de sempre. Os conserveiros buscarán produto non autóctono para seguir fabricando e a xente do mar decatarase de que a máquina non pode parar. As vagas de lume cada vez son máis cruentas e duras. Préndese a beira das casas e non o fan os que viven nelas. Perdeuse o medo e o respecto polas vidas das persoas. Faltaron medios. Sobraron silencios. Isto non acaba aquí. Seguiremos asistindo a queimas incontroladas e a morte do noso ecosistema. Reinará o cemento armado nas comarcas de Barbanza, Noia, Outes e Muros.

Os partidos políticos xa comezaron amosar os seus cabezas de cartel. Os que gobernan manteñen o seu retrato ao fronte da lista. E para isto non hai diferenzas entre as siglas, tanto sexan de esquerda como do centro dereita porque a extrema dereita aínda non puxo cara, pero si graffitis nas paredes das vilas barbancesas louvando á Garda Civil e ás forzas da orde. Aproveitan para magnificar a obra de Franco e desprestixiar a democracia insultando aos políticos e a política actual. Esta estratexia, engadindo o uso das redes sociais, fan que estean presentes nas enquisas cun concelleiro en concellos como o de Ribeira, Boiro e Noia.

Vivimos tempos que nos queren retrotraer ao Nodo en branco e negro guionizado por señores con bigote fino, barriga prominente e zapato rematado en punta. Soamente falta a moto Vespa para amosar que son propietarios dunha familia numerosa.

Mentres a escisión do centro dereita en Ribeira leva a que se poidan presentar ás municipais oito candidaturas e todos tan contentos. Excepto Manuel Ruiz Rivas quen observa como o seu partido non soubo negociar co farmacéutico de Aguiño, nin con el mesmo, unha saída que permitise unha lista de consenso. Si o Partido Popular perde Ribeira, Noia, Muros, Lousame, Outes, Dodro, Padrón e non recupera A Pobra, a Deputación seguirá nas mesmas mans. Por que coñecendo este dato non existe un esforzo por parte do PP provincial para levar as augas ao seu canle e recuperar o equilibrio familiar? Non se pode acabar unha negociación dicindo: «non vos fagades moito dano» porque iso é abandono.