As actividades impulsadas polo Concello comezarán o día 16
08 ene 2026 . Actualizado a las 15:57 h.Xaneiro, cando se conmemora o aniversario do seu nacemento e tamén da súa morte, é o mes Castelao por excelencia. Por iso, o Concello de Rianxo volverá a enchelo de actividades pensadas para lembrar e homenaxear ao escritor e galeguista.
O programa abrirase o venres 16, ás 21.00, cun recital a cargo de Francisco Castro. A segunda cita dese fin de semana terá lugar o sábado e será teatral. O Grupo Municipal de Teatro de Ribeira saltará ás táboas do auditorio rianxeiro ás 20.30 para poñer en escena Criaturas.
Despois dunha paréntese, o venres 23 celebrarase unha mesa redonda sobre a figura de Castelao, que contará coa participación de Francisco Fernández Rei, académico da RAG e catedrático da USC; Emilio Xosé Insua, escritor e profesor; e Miguel Anxo Seixas, historiador e biógrafo de Castelao. Os relatores serán presentados polo rexedor local, Julián Bustelo.
Para o sábado seguinte hai previstas dúas actividades: unha charla a cargo de Xesús Ron, do grupo Chévere, sobre a construción de narrativas da memoria; e unha función de teatro musical, Un ollo de vidro, adaptada pola Coral Sofía e a asociación O Galo.
A finais de mes chegarán as derradeiras propostas desta programación especial en homenaxe a Castelao. O 30 presentarase a edición en xaponés, francés e galego do libro Sanshó-Dógen. Están previstas as intervencións de Manuel Cartea, encargado da tradución ao galego; Doroteo Arnáiz, ilustrador; María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Julián Bustelo, rexedor local. O acto literario completarase cunha intervención artística a cargo de Jontxu Argibay e a actuación da Escola de Música de Rianxo.
O sábado ao mediodía haberá ofrenda floral no paseo da Ribeira e pola tarde, una lectura de textos a cargo do alumnado do IES Félix Muriel. Tamén intervirán, entre outros, os docentes deste centro Sofía Rama e Xosé Ricardo Losada.