Boas prácticas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

RIANXO

A decisión para manter desbrozados xacementos prehistóricos do Concello de Rianxo é modélica

21 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Concello de Rianxo tomou esta semana unha decisión tan sinxela e intelixente como singular no contexto dos municipios galegos. Un plan de mantemento do patrimonio cultural do rural a tres anos, polo cal manteranse desbrozados xacementos prehistóricos -campos de mámoas, petróglifos- moi vulnerables aos incendios forestais. Rianxo escolleu unha área moi afectada polos lumes, e vai limpar tamén propiedades privadas, previo permiso dos propietarios.

Aínda que teñamos moito patrimonio, os recursos que poden ser destinados a esa limpeza son mínimos en relación ás inmensas perdas que supón a destrución dese patrimonio por parte dos lumes ou do vandalismo e ás ganancias pola súa visibilidade. Un plan deste tipo supón, tamén, de maneira implícita, unha supervisión anual do estado dos bens. Iso transforma a relación dos concellos co patrimonio cultural. É doado, económico e moi efectivo.

A fin de semana pasada conducín un paseo pola parroquia de Baroña, en Porto do Son, para explicar as paisaxes da miña novela Nus e, xa que estabamos, coñecer o rico patrimonio da zona. No impresionante petróglifo da Gurita apreciei como os lumes na zona afectaran á superficie e a degradaran. Nesa ladeira existen moitos máis petróglifos cubertos hoxe por unha vexetación salvaxe. O día que prenda un incendio, as perdas serán irreparables.