Beni Horta: «Caetano non ten teito, é especial»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

O principal impulsor do remo olímpico na zona considera que o club precisa novas instalacións para seguir medrando

14 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Beni Horta (Noia, 1974) é dende fai décadas o principal impulsor do remo olímpico en Barbanza. Hoxe exerce de vicepresidente e director deportivo do Club do Mar Noia, única institución da comarca que aposta pola disciplina de banco móbil. Con máis de 60 remeiros, a punta de lanza do proxecto é o seu afillado e sobriño, un Caetano Horta que vén de rematar quinto no Mundial.

-Cando comezou no remo?

-Tiña 11 anos. Facía batel e piragüismo. Fun compaxinando as dúas cousas ata o 2000.

-Como acabou practicando e dinamizando o remo olímpico?

-Foi cousa de Franco Covas e José González Capeáns, olímpicos en Roma nos anos 70. Eles trouxeron o banco móbil a Noia, compráronos unha flota que pertencera ao antigo Club Universitario de Cesures. Vimos que esa modalidade contaba cunha tempada máis ampla. Cos bateis os nenos remataban de competir en abril, mentres que co móbil arrancabamos en setembro e pechábamos en xuño. O ámbito de participación é máis amplo, permíteche competir a nivel nacional.

-En banco fixo o único que adoita saír de Galicia é Cabo.

-É o único club de aquí que pode facelo e traballar a canteira. Os demais ou descoidan as categorías base ou teñen problemas para ter una traíña.

-Por que decidiron aparcar o banco fixo?

-Nós só faciamos batel. O problema do banco fixo é que como falte unha persoa deixa colgado ao resto. En remo olímpico é máis individual, se tes a tres rapaces montas un doble skull e outro individual e saes ao mar. Ademais, nunha embarcación de equipo, quen marca o nivel sempre é o membro máis frouxo.

-Agora son os únicos que practican esta disciplina.

-Esteirana tamén o facía. Un dos mellores de España como é Ismael Montes saíu de aí. De Cabo tamén, como Esmeralda Santos, que agora rema por Tui.

-Cal é a meta do club?

-A curto prazo é que o Concello de Noia reforme unha nave para termos máis espazo. Agora non hai nin para os barcos nin para os remeiros. Non cabemos no ximnasio. A nivel deportivo, o obxectivo era ter a alguén na selección, logo que fora ao Mundial, e xa se cumpriron. Agora o que queremos é que o número de rapaces dese nivel aumente.

-Ao ser da súa familia, apertou máis a Caetano que ao resto?

-Para nada, é un rapaz que sempre adestrou sen presión, e sempre máis do que eu lle mandei. Antes corría en motos e facía ambas cousas, adestraba co pai ás catro do tarde e con nós ás seis e media. Se non había sesión, saía a correr. Cando falo co seleccionador dígolle que igual ten moita presión e dime que está cumprindo á perfección. Ten predisposición para dalo todo.

-¿Como o viu no Mundial?

-Non o acabo de crer. Vin a alguén que sempre se supera. Non era unha regata dunha liga autonómica, era un campionato do mundo e foron cunhas condicións de inferioridade. Non só pola idade, senón tamén polo presuposto da federación ou os botes que levaban, que ninguén coñecía. Pero cando hai máquina sempre se acaba andando.

-Acabou contento co resultado?

-Estaba moi difícil, son consciente do nivel do resto, porque había xente con experiencia. Era a primeira vez que Caetano estaba nun Mundial e fíxoo moi ben.

-Cal é o teito do rapaz?

-Caetano non ten teito, é especial. A corto prazo, o obxectivo sería acudir á Silver Skiff de Turín, que o ano pasado non se celebrou polo mal tempo. A ver se é posible...

-Os recursos son limitados.

-O material é moi caro e a federación galega está en contra dos intereses dos clubs e do deporte. Non axuda e non ten interese en aumentar a calidade e cantidade das competicións. Este ano a selección galega non ía acudir ao campionato de España por seleccións autonómicas porque non había cartos. Ao final fomos os clubs os que financiamos a estancia, os adestradores e os barcos. A federación o único que fixo foi entregar as medallas. Non saben nin onde gardan os barcos que teñen.