Monolious DOP: «Debemos ser o único grupo que no seu primeiro disco xa saca un recompilatorio»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

Tras cinco anos xuntos, Ula e Mon din estar vivindo agora o seu momento máis doce

08 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegaron como un sopro de aire fresco, hai xa cinco anos, cunha melodía pegadiza e un videoclip gravado con poucos medios e moito humor. Veranito en Jalisia, así se chamaba o hit destes dous outienses que montaron en Noia o seu cuartel musical, correu como a pólvora polas redes sociais e comezou a sonar nos bares da comarca e mesmo da capital galega. Monoulious DOP forxouse un nome en Internet, esa era a súa idea inicial, pero o espazo virtual empezou a quedárselles pequeno e veñen de lanzar o seu primeiro traballo en formato físico, un dobre cedé que combina os éxitos que os mantiveron no candeeiro neste último lustro no LP Madre coas novas cancións do LP Padre.

«Debemos ser o único grupo que no seu primeiro disco xa saca un recompilatorio», di cheo de razón Ula, un produtor de espectáculos no paro que acabou subido sobre os escenarios de toda Galicia xunto a Mon, un roqueiro que se dedica de forma profesional a dar clases de zumba e actividades dirixidas.

«Estamos no momento máis doce. Vimos de pasar o verán de bolos presentando o disco, que xa está na rúa e toca desfrutalo», sinalan. O dúo estivo do máis activo nos últimos meses, coouse en máis carteis que nunca e recorda a súa intervención no Castelo Rock de Muros como unha das máis memorables. Para completar a xira estival, quédalles a derradeira actuación por diante, que terá lugar en Pontenafonso mañá. «Compartimos cartel coa París de Noia no último concerto do verán, por todo o alto», comentan cun ton simpático. Unha casualidade máis da vida, que non foron buscando e se lles presentou así.

Compartimos cartel coa París de Noia no último concerto do verán, por todo o alto»

Matrimonio ben convido

O certo é que na traxectoria de Monoulious DOP pouco do que acabaron facendo o tiñan xa proxectado. «Empezamos no 2012 nesta loucura. En teoría, era un proxecto unicamente para Internet que montamos para apoiar a Chuco, o noso técnico de son, que é xa o terceiro da banda. Pero funcionou mellor do que esperabamos e tivemos que facer máis vídeos e subirnos aos escenarios. No primeiro concerto a xente xa cantaba os nosos temas, iso foi impresionante», recorda Ula. «Nós nunca pensamos en sacar disco, é máis, estabamos en contra diso», engade, pero chegoulles o momento de formalizar ese matrimonio ben convido que formaron en Noia.

«Coñecémonos no 2005 porque tiñamos amigos en común, coincidimos en Compostela catro anos despois, ao pouco tempo empezamos a vivir xuntos e, como todas as parellas, discutimos e pelexamos, pero querémonos moitísimo, incluso hai quen pensa que somos homosexuais», recoñece o dúo musical entre risas.

Como todas as parellas, discutimos e pelexamos, pero querémonos moitísimo, incluso hai quen pensa que somos homosexuais»

Despois de tantos anos xuntos aínda saltan chispas nos seus acústicos e, para non caer na monotonía, fixeron da súa unha relación poligámica onde entra unha banda de músicos profesionais que os acompañan nos grandes concertos. Con ela viaxaron dende Ourense ata Malpica e dende Noia ata Vigo.

Pero a súa maior baza, onde sacan partido dos recunchos da comarca nunha campaña de promoción encuberta, é nos seus vídeos. «Son a nosa maior fonte de cotización», aseguran. De feito, confesan ter levado máis dunha sorpresa ao ver o lonxe que chegaban. «Un deles estivo colgado na páxina do As, o diario deportivo. O porqué, aínda non o sei», recoñecen os de Monoulious. O que teñen claro é que «non ten sentido ir lonxe para facer os vídeos se o temos todo na zona».

«LP Padre». Primeiro disco de Monoulious DOP no que se inclúen 12 temas, a maioría novos. Xunto con LP Madre (no que recollen os seus éxitos), foi financiado a través dunha campaña de crowdfunding. Obtiveron en só 15 días os 5.000 euros que se puxeron como meta. Definen o seu estilo como «broza music», un xénero onde cabe de todo un pouco, sobre todo se sona ben.