Ismael Ramos: O poeta que explora o desencanto

laura martelo OUTES / LA VOZ

MAZARICOS

LAURA MARTELO

No seu novo libro fai unha radiografía dunha xeración desilusionada co presente

28 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A forza das palabras e a súa capacidade de trasladar ao lector a outros lugares é unha habilidade incuestionable que ten a literatura. Porén, hai autores máis atinados ca outros que fan desta viaxe unha experiencia única, como é o caso de Ismael Ramos (Mazaricos, 1994). O poeta acaba de publicar o seu último traballo, Lixeiro, no que máis que trasladar a un lugar concreto leva ao lector a identificarse nun colectivo. É un cántico ao desencanto dunha xeración que chegou ao mundo laboral sen esperanzas e coa sensación de estar esperando por algo que nunca acaba de chegar. «Probablemente sexa o libro máis variado que escribín, é un retrato dun momento», explica Ramos, aludindo precisamente a ese paso de estudante a traballador que experimentou.

Temáticas moi variadas como a amizade e o traballo comparten espazo con outros temas xa presentes na obra de Ramos, como as reflexións sobre o mundo rural e «esperar a algo que non chega», como apunta. Con todo, non pretende caer nunha visión pesimista de cara ao futuro, senón que reflexiona que «podes esperar, ou podes desesperar. O máis intelixente é traballar con esa expectativa, tes que traballar co que tes agora».

A obra de Ismael Ramos, segundo explica, está inspirada «sobre todo polo momento no que foi escrita» e que abrangueu os primeiros anos de traballo do mazaricán e do seu círculo de amizades. Os poemas teñen como referente e inspiración aos amigos de Ramos e ao que foi aprendendo mentres medraban xuntos. «Ten un propósito case xeracional», di, e explica que ese novo estado de traballador condicionoulle a forma de escribir ao ter menos tempo para facelo. Porén, Ramos afirma que é algo que non lle preocupa porque «intento resistirme a que o traballo sexa o centro da miña vida, e escribir é algo que me axuda a iso».

Segundo explica, outra das ideas principais que explora en Lixeiro son as expectativas que se crean en torno a aparición dos novos discursos e espazos identificados como unha idea de progreso, pero que, ao final, non terminan de significar o cambio que nun principio prometían ser. Comenta que «é un libro que está un pouco desencantado con iso, pero porque é o que me tocou vivir e o que lle tocou vivir á miña xeración».

Un exemplo que cita é o concepto da Unión Europea e o que supuxo para as xeracións anteriores á de Ismael Ramos, en contraposición á visión que as novas, segundo explica, poden ter sobre esta cuestión: «Dou a perspectiva que teño disto, que Europa non quixo saber nada de nós, e sinto que a nosa xeración perdeu un pouco ese interese polo que lle poida ofrecer o concepto de Europa».

Evolución na escrita

Que a poesía de Ismael Ramos experimentou unha evolución é algo comprensible e esperable. Dende os primeiros textos premiados pasando por Os fillos da fame e Lumes, o mazaricán confesa que co paso dos anos non perdeu a motivación nin a ilusión por escribir, pero si que cambiou o xeito de achegarse ao exercicio de crear. «Simplemente tómoo doutra maneira, porque sei que non podo vivir de ser escritor, e a relación coa escritura é outra».

Con todo, o camiño ata este punto foi vertixinoso, cheo de presentacións, escritura e publicacións de traballos, polo que o consello que lle daría ao rapaz que comezou a súa andaina lírica con 16 anos é que vaia con máis calma en canto á escritura e publicación: «escribe menos, estate máis tranquilo e le máis. Xa haberá outros que se encargarán de meterche présa».

Ramos, supersticioso, non se aventura a avanzar novos proxectos, aínda que adianta que o vindeiro 9 de xuño, a compostelá sala Numax acollerá a presentación do poemario, do que está previsto que en outono saian as edicións traducidas ao castelán, portugués e catalán. Sobre se se atrevería con outros formatos literarios, ten claro que é unha cuestión do que vaia saíndo, e apunta que a poesía «é a técnica que teño, a que sei usar e lévame a onde me leva».