«Here comes the sun»

Tomás Estévez NEXO 360

BOIRO

Imagen de archivo del polígono de Espiñeira, en Boiro.
Imagen de archivo del polígono de Espiñeira, en Boiro. CARMELA QUEIJEIRO

Hai momentos nos que unha realidade económica comeza a percibirse nas rúas e, pouco despois, as cifras veñen refrendala. É o que parece estar acontecendo estes meses no Barbanza. No que vai de ano creáronse 117 novas sociedades na comarca, unha media de catro cada semana, e Boiro lidera esa creación con 18 novas empresas. Ao mesmo tempo, o paro reduciuse ata a metade do que había hai unha década.

Empresas que nacen, emprego que se crea e persoas que atopan oportunidades. Distintas caras dunha mesma realidade que tamén se pode ver este verán. Boiro practicamente duplica a súa poboación, as rúas énchense, as terrazas tamén e os negocios viven semanas de especial actividade. Pero eses visitantes que chegan non só consumen: participan, descobren, gozan e forman parte das propostas e da vida da vila.

Quizais por iso estes días resulte inevitable pensar en Here comes the Sun, dos Beatles. A canción converte a chegada do sol nunha metáfora da aparición da luz despois dun tempo difícil. Non estamos, por suposto, ante unha realidade perfecta. Emprender segue sendo difícil, manter un negocio require esforzo e quedan moitos retos por resolver. Pero tamén debemos saber recoñecer os sinais positivos cando aparecen.

E en Boiro son varios: novas empresas, menos desemprego, máis actividade e un tecido empresarial que continúa fortalecéndose. Hai poucos días, a ABE alcanzaba tamén unha cifra simbólica: 222 empresas asociadas. Máis alá do número, fala dun tecido empresarial que medra e dunha vontade de relacionarse, colaborar e formar parte dun proxecto común.

Porque cando unha empresa nace precisa dun territorio no que medrar; cando medra, precisa doutras empresas, clientes, provedores e persoas; e cando todos se conectan, o resultado é algo máis que a suma das partes. É unha comunidade.

E esa comunidade non está formada só por quen vive aquí todo o ano. Tamén por quen regresa cada verán, por quen conserva aquí a súa segunda residencia ou por quen escolle Boiro para pasar uns días. Durante estas semanas forman parte da nosa vida e contribúen tamén a manter viva a actividade económica.

Boiro está vivindo un momento no que os datos e a realidade das rúas parecen falar a mesma lingua. Hai máis actividade, máis xente, novos proxectos e máis oportunidades. Quizais por iso estes días, cando sae o sol e as rúas se enchen, a metáfora dos Beatles cobra todo o sentido. Here comes the sun.