A portavoz nacionalista, Raquel Suárez, denuncia goteiras no interior do inmoble e reclama a licitación da cafetaría, que leva meses pechada
25 feb 2026 . Actualizado a las 10:57 h.O Bloque Nacionalista Galego defendeu no pleno do pasado xoves, día 19, unha moción na que reclamou ao Concello de Boiro o arranxo integral do centro social de Escarabote. A formación nacionalista denunciou o que considera un estado de «desleixo e inacción» por parte do goberno municipal, liderado polo PSOE, ante o deterioro que sofre o inmoble.
A portavoz municipal do BNG, Raquel Suárez, sinalou que a infraestrutura arrastra unha falta de mantemento dende hai anos. Segundo Suárez, os problemas son visibles tanto no exterior como no interior: «As paredes exteriores están sen limpar, con verdín, herbas no tellado e zonas sen pintar. É unha situación que está á vista de todos».
Goteiras e caldeiros
No interior do edificio, a situación afecta especialmente ao salón de actos e á cociña da cafetaría. A portavoz relatou que as goteiras e filtracións obrigaron a repartir caldeiros polas instalacións para recoller a auga. A formación tamén advertiu sobre o mal estado da porta principal como outro exemplo do deterioro progresivo.
O acordo proposto polo BNG insta ao executivo local a realizar tarefas inmediatas de limpeza, a reparación do tellado e os arranxos estruturais necesarios para garantir o uso do centro «en condicións de seguridade».
Sen servizo de cafetaría
Outro dos puntos críticos da denuncia nacionalista é o peche da cafetaría, que leva meses sen actividade. O BNG esixe que se saque a licitación o servizo de xeito inmediato para recuperar actividades como «o baile das persoas maiores» e outras celebracións veciñais.
Raquel Suárez criticou ademais a «falta de transparencia» do goberno municipal de Boiro, ao asegurar que o Bloque preguntou en varias ocasións polo atraso neste proceso de licitación sen obter ningunha resposta por parte dos dirixentes socialistas.