
Desde Trebonzos, en Cespón, Boiro, Raimundo García, Borobó, saudaba ó mundo cada mañá. O fogar do petrucio, dirixido por Carlota, a súa dona, da que el presumía da súa beleza dicindo que tiña vínculos familiares coa Bella Otero, de quen se ocupou nunha biografía, ábrese a esplendidez farturenta de amenceres e solpores máxicos da ría de Arousa.
Ninguén mellor que el para contar os arroases que perseguían as bandadas de peixes que se adentraban ata o peirao de Rianxo. «Hoxe habería, polo menos, uns dez xogando, brincando, detrás dun banco de xoubas», relataba ós pasmados que o escoitaban desde aquela presenza vestida con capa, ó estilo dun cabaleiro dos de antes; daqueles
posuidores dun verbo que atraía o interesado en coñecer historias próximas.
Lembro a Borobó acompañado de Manuel Velo, inda non exercera como primeiro concelleiro de Boiro, paseando por Compostela contando as esquinas dos edificios onde as andoriñas aniñaban e que hoxe non están, proba de que os humanos estragamos a vida animal e con ela o noso propio
equilibrio.
O PSOE de Boiro presentou unha moción a instancias da Asociación Cultural Barbantia, sendo aprobada por unanimidade de todos os grupos, para que se considere ó xornalista como candidato a ser homenaxeado no Día das Letras Galegas no 2026, coincidindo co 110 aniversario do seu nacemento. Será de xustiza que a Real Academia Galega considere devandita proposición, pois homenaxeará a un home que loitou pola instauración da democracia no país coa pluma, en galego e castelán. Que mellores méritos se poden ostentar!