O festival Olloboi de Boiro recolle os froitos da súa canteira

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Moitos dos traballos de universitarios pertencen a mozos que fan cine e que se iniciaron coa cita audiovisual escolar

13 jun 2021 . Actualizado a las 21:24 h.

O festival Olloboi de Boiro está a recoller os froitos do traballo levado a cabo nos últimos 11 anos, impulsando o audiovisual como ferramenta a nivel formativo na escola. Proba diso é o elevado número de propostas de estudantes universitarios presentados a esta edición, máis de vinte, dos que a metade corresponden a mozos que están inmersos no mundo cinematográfico e que iniciaron a súa andaina como participantes na súa etapa escolar. Esa canteira que medra e continúa apegada ao certame é un pulo para que a organización siga o seu labor, sabedora de que está a camiñar na boa dirección.

Este ano foron 142 curtas de 60 colexios e universidades as que tiveron que analizar os membros do xurado, unha cifra que consolida a Olloboi como o certame máis importante de Galicia a nivel escolar. A gran cita tivo lugar onte, coa realización da gala de entrega de premios no parque da Cachada de Boiro. Foi presentada por Sabela Blanco e Fede Pérez.

Fóra das aulas

Este ano instauráronse dúas seccións novas e unha delas, Wabisabi, está ligada ao feito de que o xurado puido comprobar que as creacións dos alumnos de secundaria reflectían a realización de moito traballo fóra das aulas. Isto é algo que a organización valora de xeito moi positivo porque pon de manifesto a inquedanza dos rapaces polo ámbito creativo.

No acto, Miguel de Lira e a organización presentaron o documental Cadernas de Olloboi, que ofrece unha viaxe pola historia do certame. O broche púxoo a banda Por Mí Swing.

O Palmarés
Categoría non universitaria
Non Ficción

Cando rompe o mar (IES María Soliño)
Guion

Furtivos (IES Terra de Trasancos)

Wabisabi

Derradeiras (Praia Barraña)
Videoarte

Background (IES Cacheiras)

Videoclip

Non me vai mal (CPI de Dodro)

Compromiso

Sálvora (IESP A Cachada)

Peque Olloboi

Maruxa (CEIP Carballal)


Categoría Universitaria

Rakel (Aarón Vilariño desde a Escac)

As Ladras (Daniel Vázquez, da Carlos III)

Zamburridi

As novas (IES Chivite Taboada)


Mencións

Vidas Mariñeiras (Golfo Ártabro Norte)

Quen seiturará? (USC)

Derradeiras (Praia Barraña, secundaria)

A lata (Virxe do Mar, primaria)