Olloboi, o pequeno festival escolar de Barbanza que xa é un referente galego

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CULTURA

Última gala de entrega de premios, celebrada no 2019, con Miguel de Lira
Última gala de entrega de premios, celebrada no 2019, con Miguel de Lira MARCOS CREO

Recibiu 142 curtas de 60 colexios e de universidades de Madrid e Barcelona

08 jun 2021 . Actualizado a las 10:54 h.

Comezou como un pequeno certame impulsado pola comunidade educativa de Barbanza, que buscaba promover a creación audiovisual por considerala unha ferramenta indispensable a nivel formativo. Pero hoxe, cando está a piques de culminar a súa décima primeira edición co fallo do xurado e a entrega de galardóns, o festival Olloboi reivindícase como o festival máis importante de Galicia no eido escolar. Os datos de participación avalan a afirmación, pois a pesar das dificultades deste curso para realizar traballos en grupo, concorreron 142 curtametraxes de 60 escolas de toda Galicia e de universidades de Barcelona e Madrid.

É este un festival que xurdiu da nada, coa única dotación orzamentaria que achegaban empresas e colaboradores da zona, pero que se foi gañando tanto o recoñecemento do eido educativo como o respecto do sector audiovisual. Tanto é así que, a medida que se abría o abano de participantes, tanto a nivel numérico como xeográfico, incrementábase tamén o número de profesionais que lle daban un empurrón ao certame. Entre os colaboradores habituais do Olloboi están, entre outros, Alfonso Zarauza, Miguel de Lira, Andrés Goteira, Sandra Sánchez ou Sonia Méndez.

Eles son algúns dos participantes no filme que se estreará o sábado en Boiro, no marco da cerimonia de entrega de premios. Titulada Cadernas de Olloboi, a produción é un documental de 50 minutos de duración que ofrece unha viaxe pola historia do certame audiovisual, dándolle voz aos principais piares que o sosteñen, entre os que destacan os escolares e os cineastas de toda Galicia.

Iniciativa única

Poñer en contacto a estes dous colectivos é de feito o obxectivo número un deste festival. Por iso, entre o programa de actividades que sempre adoitan redondear a entrega de premios figura a Muchachada matiné, que nesta ocasión non se poderá desenvolver por mor da pandemia. Nela, os estudantes, divididos en grupos, percorren Boiro acompañados por dous profesionais do eido audiovisual e por un par de veciños que lles contan historias ao redor das cales elaboran unha peza audiovisual nun tempo limitado a unhas catro horas. É unha iniciativa única en Galicia e pode que en toda España.

Tamén co ánimo de favorecer ese contacto, os premios do Olloboi non son metálicos, senón que consisten en asistencias a rodaxes que lles permiten aos afortunados gozar dunha experiencia que non está ao alcance de moitas persoas.

O festival xurdido en Barbanza e que en pouco máis dunha década adquiriu unha dimensión autonómica -foi galardoado o ano pasado co premio especial José Sellier que concede a Academia Galega do Audiovisual- aspira a seguir medrando. Tanto é así que os seus promotores veñen de asinar un convenio cos organizadores do Foco, o prestixioso certame escolar de Fuenteobejuna (Córdoba), que serán convidados de honra o sábado, cando o proxecto volva a acenderse en Boiro.

Ana Moreiras é mestra en Boiro
Ana Moreiras é mestra en Boiro marcos creo

«Trátase de crear canteira e de facer apoloxía do cine na aula»

 

 

Profesora no IES A Cachada de Boiro, Ana Moreiras é unha das organizadoras do festival Olloboi. Mergullouse nesta aventura convencida dos beneficios que o audiovisual ten para os mozos a nivel educativo, unha teoría que busca trasladarlle aos seus colegas docentes de toda Galicia.

-Como se consegue que un pequeno festival comarcal acade esta relevancia?

-A comunidade educativa namorouse deste festival desde o minuto cero porque o centro son os rapaces e non as autoridades, como é o habitual. O Olloboi ten o punto de mira posto na chavalada. Non menos importante é a comunidade local de Boiro, tanto empresas como asociacións, que nos axudaron desde o primeiro momento. Finalmente entraron en xogo o Concello boirense e a Deputación da Coruña, que lle deron unha terceira dimensión ao certame, permitíndonos incrementar o orzamento.

-Que foi o máis complicado durante todo este proceso?

-Conseguir o financiamento, sempre. Darlle visibilidade á iniciativa tampouco é doado, pero aí fomos abríndonos oco. Un festival deste tipo supón uns gastos que non baixan dos 6.000 ou 7.000 euros e lograr esa cifra é unha odisea. E iso que non barallamos cantidades como outros certames con menor alcance, que teñen un orzamento de 40.000 ou 50.000 euros.

-Cara a onde camiña agora o festival Olloboi?

-Interésanos establecer lazos a nivel nacional, darlle a maior visibilidade posible ás pezas e tamén seguir conectando co sector profesional para que aos rapaces lles entre o bicho no corpo e axudar así a xerar un tecido cultural e industrial en Galicia. Trátase de crear canteira e de facer apoloxía do cine na aula. O profesorado ten que entender que a creación audiovisual fomenta valores que non se obteñen con ningunha outra ferramenta pedagóxica.

-Por que esta predilección polo cine como ferramenta educativa?

-Porque é a rama artística máis integral e tamén a que ten maior potencial comunicativo. Ninguén se escapa do torrente audiovisual, que se emprega xa como medio de comunicación a todos os niveis: tanto para vender un produto como para presentar un proxecto de enxeñería. É unha linguaxe que xa está á altura da escrita.

-Cal é entón a súa proposta?

-O cine ten que estar en todas as materias, porque os alumnos aprenden e tamén evolucionan como persoas, tomando conciencia crítica e posicionándose, ao tempo que se establecen lazos emocionais entre os grupos.