Pendentes do clima

Ciprián Rivas VELAÍ

BARBANZA

Imagen de la procesión del Domingo de Ramos en Ribeira.
Imagen de la procesión del Domingo de Ramos en Ribeira. MARCOS CREO

Sen contar cun censo oficial pechado, Barbanza concentra a maior parte da oferta de aloxamento das dúas comarcas, cun volume orientativo entre as 1.470 e as 1.830 prazas

30 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non temen os hoteleiros, restauradores, propietarios de bares, tabernas, chiringuitos das comarcas de Barbanza, Muros e Noia de que a Semana Santa se vexa afectada pola guerra de Irán e, en menor medida a de Ucraína, senón do clima, dándolle a razón a aquel famoso pagés, Josep Plá, autor de entre outras obras, Viagte a la Catalunya Vella (1932), quen argumentaba que os seres humanos somos animais climáticos.

Eles non teñen medo de que as procesións relixiosas, nin ese viacrucis inventado pola Unidade Pastoral de Ribeira, UPA, que ten como meta A Curota, sexan actividades que resten presenza nos seus locais duns clientes desexosos de beber, comer e seren vistos ao seu regreso ás vilas onde naceron logo de estar facendo vida onde traballan. Nin o incremento dos prezos do combustible exercen ese tremor, nin senten esas gotas frías correndo polas costas dos preocupados industriais porque se fai bo tempo, todo ten arranxo.

Sen contar cun censo oficial pechado, Barbanza concentra a maior parte da oferta de aloxamento das dúas comarcas, cun volume aproximado de entre as 1.470 e as 1.830 prazas. En Muros e Noia o parque é máis reducido, entre 370 e 610 prazas. A estimación, elaborada a partir de fontes públicas e referencias parciais do sector, apunta a que os hoteis seguen a ser o principal soporte na Barbanza, mentres que o turismo rural e o aluguer vacacional gañan peso nas dúas áreas.

En Muros e Noia, a oferta está máis repartida, destacando o turismo rural en concellos como Noia e Outes. A oferta turística, orientada a gastronomía e as actividades deportivas ao aire libre, terra e mar, dependen do clima, o mesmo acontece coa fe católica cando non poden procesionar.