Anatomía dun aniversario

JOSE LIRES

BARBANZA

Panorámica dos cantís con rochas xurásicas na costa de Villaviciosa en Asturias.
Panorámica dos cantís con rochas xurásicas na costa de Villaviciosa en Asturias. SIN AUTOR

A onda do fanatismo alterou a apertura do Museo do Xurásico

30 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin chegara o día agardado con ansia polo equipo científico. Son consciente de que o tempo flúe a diferentes velocidades dependendo do observador, pero sempre na mesma dirección: dende o pasado cara ao futuro, nunca ao contrario. Nas profundidades do mar Cantábrico, o mesmo que morneaba as xornadas de campo no estío á vez que ameazaba con nos atrapar no entretempo das súas mareas, convimos en diluír os conflitos e afundir as pantasmas do pasado. Así e todo, foron anos de investigación tenaz á procura da peza chave no quebracabezas do mundo xurásico.

Aveciñábanse novos tempos no horizonte e aquela mañá de marzo, adiantada á primavera, viña a ser a data elixida polas autoridades para unha fastosa inauguración. O monllo de soños a carón dos xacementos dun brillante xeólogo, cos anos, meritoriamente erixido como referente no eido da ciencia que estuda as pegadas de dinosauros, estaban a poucas horas de realizárense. Un punto e seguido na súa carreira académica próxima á xubilación materializado nun museo: un lugar para a investigación, conservación e divulgación da súa especialidade.

Aquelas primeiras horas do abrente transcorrían nunha atmosfera silenciosa e tensa que nos atordaba. Durante as semanas previas estivemos a ultimar o material expositivo. As pezas de maior tamaño rescatáronse dos cantís mediante métodos rudimentarios: improvisando angarellas feitas con paus de eucalipto aos ombreiros de investigadores e colaboradores.

Os exemplares fósiles sometéranse a interminables sesións de limpeza para que os restos se adiviñaran sen equívocos aos ollos dos visitantes menos avezados. Entre os restos, as pegadas de dinosauro, o tema estrela do museo, lucían fachendosas cos seus textos explicativos redactados con mimo.

Todo estaba a punto. Foi entón cando unha persoa do gabinete do presidente da Comunidade descendeu aos infernos do edificio cunha terrible nova… e alí terminou a xornada. Era o 11 de marzo de 2004 e nos almacéns do Museo do Xurásico de Asturias (MUJA), aínda co estupor esculpido na faciana, constatei que a onda expansiva do fanatismo máis extremo viña a impoñer a súa lei de intolerancia levando por diante moitas vidas. As paisaxes apocalípticas da capital paralizaron o país e afastaron tamén da nosa realidade a ilusión do momento que estabamos a vivir.

Nada do programado tiña sentido; xa que logo, buscamos refuxio nos esgrevios cantís da costa, outrora extensos deltas ateigados de fauna xurásica. Cara ao mediodía coñeciamos que un compañeiro paleontólogo, que colaborara horas antes na recollida de material, viaxaba nun deses trens. Afortunadamente as súas feridas físicas non revestían gravidade e foi dado de alta ao pouco tempo.

O MUJA, localizado nun outeiro elevado sobre a costa no concello asturiano de Colunga, inaugurouse vinte días máis tarde da data prevista. Hoxe en día o museo, grazas ao esforzo —en moitas ocasións pouco recoñecido—, das persoas investigadoras, alberga unha colección de pegadas de dinosauros e outros réptiles do período Xurásico de relevancia mundial. O futuro? O futuro farase realidade nun presente fugaz para, de inmediato, volverse pasado. Así funciona a frecha do tempo.

Moita sorte, Antía

UXÍA CASAL

Síntoche ben, Antía querida, a difícil situación na que te achas, mais temo que non che servirei de axuda, xa que ignoro por completo onde está ou estivo a rúa Brincadeira; se, como me dis, consultaches varios rueiros de épocas pasadas e non figura en ningún, deduzo que nunca existiu e, ou ben te trabucaches de nome, ou ben estamos ante un deses estraños misterios tan frecuentes na nosa vila.

Pecaches de imprudente, penso eu, ao cubrir ese impreso que prometía concederche un desexo, por moi rocambolesco que fose, e volviches pecar ao entregárelo no enderezo indicado; e que desexo, meu Deus! Só a ti che puido semellar boa idea ler as mentes alleas, sabendo como sabes (ou deberías) a cantidade de lixo que pulula nos adentros dos seres humanos. Non me estraña a túa amarga decepción con Iria, a túa amiga da alma, cando che chegou «xa está outra vez esta prosma do carallo» mentres lle dabas dous bicos nin o desagrado que sentiches ao coñecer os verdadeiros pensamentos de moitos dos teus veciños, acotío tan amables e sinceros. Debes estar chea de tanta hipocrisía que, por outro lado, era de agardar; a ver se tes sorte e atopas a quen che outorgou o don para que cho retire, mais eu de ti non me faría demasiadas ilusións.

Sobre o outro asunto, como ti moi ben apuntas, non podes ir onda a policía e contarlle o do alcalde así como así; terías que responder preguntas incómodas e sería optimista de máis que desen creto a que lle liches o pensamento sen querer, por moi certo que sexa. Aconsélloche que lles escribas un anónimo no que deixes claro en que leira soterrou a muller despois de asasinala e en que lugar exacto se atopa agora a machada con que a matou, algo que, polo visto, tamén revelou no seu silencioso divagar. Porén, non coido oportuno informalos de que bebe os ventos pola concelleira de igualdade, máis ca nada porque iso non constitúe ningún delito; se acaso, pode indicar un dos motivos do crime, aínda que o vexo excesivo nuns tempos en que o divorcio é o pan noso de cada día. Xa, xa sei que a defunta era a dona de todos os bens, agás o soldo de alcalde, e que, de desfacer o matrimonio, el quedaría cunha man diante e outra detrás, mais xa sabemos como traballa a xustiza cos seus, por iso vexo mellor que non entres nese detalle; os posibles ou probables móbiles xa os descubrirán eles, que para algo lles pagan.

Ah!, non esquezas poñer luvas cando manexes o anónimo e o sobre. Moita sorte, querida, e non perdas os ánimos.

A forza do efémero

Román Arén

Eme Cartea pon en galego, anosa, os wakas de Eihei D¯ogen, poeta xaponés nado en 1200 e falecido no 1253. E faino a partir da tradución francesa de Yoko Orimo, publicada no 2022. E o resultado segue a ser poesía: é a forza do efémero, do fráxil, do sutil. Unha poesía que logra resistir todo tipo de transvases, como lle ocorre ao noso Luís Pimentel. A fermosa edición que teño nas mans vai fornecida de magníficas ilustracións de Doroteo Arnáiz, un dos gravadores españois máis prestixiosos, nunha síntese acaída entre tradición e modernidade.

A poesía de Eihei D¯ogen está envolta na filosofía zen, na que tempo, fugacidade, brevidade da vida, a natureza como camiño de salvación, son a cerna do poeta. Unha identificación entre o eu lírico, os seus recordos e a natureza «… topan entre as nubes / un outeiro da terra do corazón». É esa aceptación do tempo fuxidío, a brevidade do acontecer humano, o que dá o ton do poema: «No medio e medio do mundo / existiría / o home de verdade?» ou «cantando que de novo hoxe / se foi o día».

A «lúa do corazón», «a auga do corazón» axudan á identificación con todo, á aceptación, á salvación polo máis forte, o efémero, o fráxil, a terra do corazón. Son, pois, os wakas o antecedente do haiku, do menos é máis, do sutil, do duradeiro na palabra do instante efémero.

EiheiD ¯oen: Sanshô-Dôei

Tradución: Eme Cartea

Ilustracións: Doroteo Arnáiz

Ed. Garabal (Santiago, 2025)