Sentirse orgulloso de ser de Ourense, de Abanqueiro, Escarabote, Cabo ou Praia Xardín ten tamén que ver cos felos, peliqueiros e pantallas, co enterro do Óso, do Felipiño, o Farruco ou a Cunca
19 feb 2026 . Actualizado a las 17:27 h.Somos un país de profundas raíces comunitarias. Dende a extraordinaria figura xurídica do monte en man común, un modelo de propiedade que non é pública nin privada, senón comunitaria, ate o traballo colectivizado da terra e do mar, do que xurdían propiedades comunais como os muíños, as redes de pesca ou os alambiques como o da festa do San Amaro. Galicia ten unha ampla tradición en dereitos, bens e traballos comunais, o que producía un tipo de relacións sociais, de celebracións e de expresións culturais moi vinculadas co comunitario, co colectivo.
Dos traballos facíase celebración e das quendas de moenda xurdiron muiñadas e seguramente muiñeiras. A cultura tradicional ten moito que ver con como se vivía nun tempo onde o comunitario primaba fronte ao individual e onde o «nós» era máis importante que os excesos do «eu» que hoxe sufrimos.
A cultura tradicional, a música e o baile achega aínda ate os nosos días estas formas de facer. Nas foliadas seguimos identificando un facer colectivo onde moitas persoas participan, onde non están separados uns artistas emisores e un público receptor senón que todas as persoas son xeradoras de contidos, tocan, improvisan e bailan xuntas, xerando en comunidade unha celebración participativa e inclusiva.
Acción sociocultural
Así como no tradi temos tamén moita bagaxe no movemento asociativo. As comisións de festas organizan máis de tres mil eventos cada ano na nosa xeografía, sendo unha parte moi importante da acción sociocultural e tamén da demanda de sector profesional. Galicia é unha grande potencia en cultura amadora, en cultura protagonizada pola cidadanía e organizada pola propia veciñanza que amosou a súa sustentabilidade ao longo do tempo.
Os entroidos son outro exemplo da potencia das expresións populares e colectivas deste país noso. Entroidos como os ourensáns, hoxe vistos como focos de atracción turística e grandes dinamizadores da economía, xurdiron directamente do pobo, da expresión cultural popular, colectiva e non profesionalizada, porque a cultura é moito máis ca unha industria. Produce economía por suposto, pero é moito máis ca iso.
Os entroidos son expresións populares que nun principio tiñan que ver ca celebración dos ciclos agrarios e da natureza, moi vinculados cas estacións do ano, ca fertilidade e produtividade da terra. Logo tamén como momento de transgresión das estruturas de poder a modo de válvula de escape ante as desigualdades sociais. Mais tamén e como toda celebración colectiva, o entroido é unha ferramenta de cohesión social e de identidade colectiva. Sentirse orgulloso de ser de Ourense, de Abanqueiro, Escarabote, Cabo ou Praia Xardín ten tamén que ver cos felos, peliqueiros e pantallas, co enterro do Óso, do Felipiño, o Farruco ou a Cunca.
Neste momento que vivimos, onde confundimos vida en común ca falsa conectividade das redes sociais e onde a saúde mental vese resentida, a cultura comunitaria pode servirnos de antídoto. Dende unha visión social da cultura entendemos que os entroidos tradicionais, como calquera festa comunal apórtannos moito máis que diversión. Por iso o Concello de Boiro dedica recursos a documentar e valorizar os entroidos tradicionais a través dos cadernos culturais que edita estes días. Porque a memoria do construído colectivamente é importante para identificarnos, para cohesionarnos como colectivo e para entender que somos seres sociais e necesitamos dos outros non só para sobrevivir, senón para vivir mellor.