«Idosos» e colas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Plazas de aparcamiento reservadas para personas mayores
Plazas de aparcamiento reservadas para personas mayores

17 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

As persoas maiores de sesenta anos, en portugués, reciben o nome de idosos, persoas de idade. E como tales, con máis experiencia vital e cunha mobilidade xeralmente menor cá dos mozos, gozan en moitos países de certas vantaxes prácticas, como prazas de aparcamento específicas, similares ás reservadas ás persoas con discapacidade. Tamén, en estados como Brasil, os maiores de sesenta anos teñen totalmente gratuíto o transporte público, xa sexa metro, autobús ou tren urbano.

Para máis detalle, nos aeroportos dispoñen de embarque prioritario, incluso antes que os pasaxeiros de primeira clase. As compañías entenden que merecen subir ao avión sen facer colas interminables nin sufrir as incomodidades de embarques masificados que penalizan especialmente a quen xa non ten a axilidade da xuventude.

Cómpre lembrar que as persoas de máis de sesenta anos son, en gran medida, as artífices dos cambios e progresos que hoxe gozamos. Darlles prioridade en certos servizos non é un privilexio gratuíto, senón un recoñecemento ao esforzo e ao traballo sostido que permitiron construír a sociedade actual. As penurias que pasaron, moitas veces en condicións duras, non están hoxe ben valoradas nunha sociedade cómoda, de bandullo cheo, pouco dada a recoñecer o sacrificio.

Oxalá os políticos españois e galegos tomen nota destas realidades e fagan a vida máis doada ás persoas que levan décadas dándoo todo, moitas veces a cambio de nada. Non é tan complicado reservar prazas, evitalas colas nin ofrecer transporte público gratuíto. É, simplemente, unha cuestión de xustiza social.