O viacrucis máis universal e contemporáneo recala en Artes da man do fotógrafo Xulio Gil

María López García
María López RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Mostra o calvario humano con 15 retratos de xente próxima

02 feb 2026 . Actualizado a las 16:01 h.

O Museo do Gravado de Artes, dentro do seu esforzo por abrirse a outras artes, acaba de inaugurar Un viacrucis e 15 testemuñas, unha exposición do fotógrafo profesional Xulio Gil (Ourense, 1954), que a través de 15 retratos en branco e negro, dálle unha volta a esa vella devoción cristiá, despoxando o concepto do seu compoñente transcendente e abstracto para facelo universal e contemporáneo.

E faino, segundo apuntou o comisario da mostra e director do museo, Xoán Pastor Rodríguez, «de xeito respectuoso» e «anovador». As fotografías «amosan 15 testemuñas do viacrucis humano, da dificultade do ser viator, que camiña no mundo no medio de graves dificultades, mais que remata na décimo quinta estación, a resurrección, pois lograron renacer, refacer a vida, volver a empezar».

Rodríguez abriu un acto que contou cun éxito de afluencia. Interveu Antonia Tato Fontaíña, unha das testemuñas que protagonizan as imaxes, e tamén Darío Gil, fillo do autor e modelo fotográfico do traballo. De feito, a maioría das persoas que aparecen retratadas en Viacrucis son familiares e xente do entorno do autor —residente en Vigo—, ademais de veciños de Ribeira.

Considerado un dos mellores fotógrafos contemporáneos do panorama galego, Xulio Gil quere trasladar ao público a tese de que na vida de cada persoa hai momentos nos que xorde o que podería chamarse unha especie de castigo sobrevido, inesperado e de gran magnitude. É entón cando o círculo máis próximo está aí para dar ánimo para soportar ese particular calvario, xa sexa por unha enfermidade, polo falecemento dun ser querido, por unha ruína económica, unha frustración transcendente,...

A exposición conta coa colaboración da vicepresidenta de Barbantia, Isabel Santos, e do expresidente Román Arén, así como da Xunta e do seu director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, que acudiu ao acto.

A alcaldesa de Ribeira e presidenta da Fundación do Museo do Gravado, María Sampedro, encargouse de pechalo: «Lógrase a nosa solidariedade e a nosa comprensión dunha tradición que mostra a fraxilidade de todos nós, mais tamén a esperanza de poder reiniciar o camiño, a nosa vida coas pegadas da dor xa superada, pero visible».