Farmacopea dos cantís

PATRICIA TORRADO

BARBANZA

Exemplar de pirixel ou fiúncho do mar, que abonda na costa
Exemplar de pirixel ou fiúncho do mar, que abonda na costa

O pirixel de mar, planta rica en vitamina C, ten múltiples beneficios

03 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A meirande parte das veces tendemos a pensar que as cousas nas que nos fixamos, amais de estaren sempre nese lugar no que as atopamos, de seguro non suscitaron interese anterior por ninguén. E algo así acontece co Crithmum maritimum, tamén coñecido por pirixel ou fiúncho de mar. Moita da poboación da nosa comarca está cansa de ver esta planta nos cantís e nas físgoas de cada recuncho da nosa costa, sen darlle a menor importancia, sen saber parte da súa interesante historia.

Esta planta de, como moito, dúas cuartas de altura, de talo e follas grosas e sementes que se semellan aos grans da cebada e raíces teimudas, é unha especie perenne halófila, é dicir, gusta dos medios salinos para vivir e é da orde das apiaceas. A súa floración é entre xullo e agosto.

Se repasamos a literatura universal, podemos atopar o seu rastro en Plinio O Vello, Columela e Dioscórides, que xa falan dela como unha planta para consumir crúa, cocida ou en salmoira. Refería Dioscórides: «As raíces, as sementes e as follas cociñadas en viño e en beberaxe son útiles para a retención de líquidos, a ictericia e provocan o menstruo». Aparecen tamén referencias á mesma en obras coma O rei Lear, de W. Shakespeare, The Gaverocks, de Sabine Baring-Gould e Samphire, de Patrick O’Brian.

Nome de corveta

Aló na Gran Bretaña había séculos que se colleitaba polos cantís. E, como proba e anecdotario, comentar que o almirantado inglés, a comezos da segunda Guerra Mundial, asignoulle o seu nome á recentemente botada corveta da clase flower, a HMS Samphire (este é o seu nome anglosaxón) como escolta de mercantes polo Mediterráneo.

Esta planta é coñecida tamén polo seu pasado entre os navegantes e mariñeiros, pois o seu alto contido en vitamina C e a súa gran resistencia facíana indispensable para grandes travesías e paliar o escorbuto. Cando cítricos coma a laranxa e o limón eran perecedoiros e delicados no almacenamento, o pirixel de mar daba moito máis xogo. Na primeiría podía comerse cru e en infusión, pasados uns días cociñado e, como última opción, aguantaba moi ben a moira (sal, vinagre e auga).

Pois ben, os seus beneficios non rematan aquí, o pasado ano un estudo das universidades italianas de Calabria e delle Marche concluía que os refugallos desta planta que comeza a cultivarse para a súa explotación (os talos avellentados, as follas machucadas e as flores secas) podían converterse en ingredientes con gran función conservativa, polas súas propiedades antioxidantes e antimicrobianas. Unha vez estudado en estracto hidroetanólico (de auga e etanol) comprobaron que estariamos a falar dun conservante natural que axudaría a prolongar a vida dos alimentos sen engadir aditivos artificiais e así mesmo con unha potente actividade antimicrobiana fronte a staphylococcus aureos (común nas intoxicacións alimentarias) e a listeria innocua.

Así mesmo tamén se está estudando a súa aplicación a nivel aromático, polos seus aceites esenciais, e está a entrar tamén con forza no sector da dermocosmética, pois emprégase para formulacións de tratamentos rexenerativos en problemas de pel seca ou agretada posto que activa a síntese proteica dos tecidos conectivos coma o coláxeno e a elastina.

A que nunca pensarades que unha planta tan ao alcance da man e a un tempo tan (des)coñecida podía ter tantas aplicacións?

Exemplar de pirixel ou fiúncho do mar, que abonda na costa