Na consulta dos médicos coñécense toda clase de doenzas. Desde as visibles ata as que fican dentro dos miolos de cada quen e que afloran provocadas por acontecementos que, en principio, nada terían que ver cos virus ou cas bacterias que pululan entre nós. De maneira que, hai uns días, nunha consulta médica, os que estabamos na sala de espera puidemos escoitar como unha muller, non moza pero tampouco vella, ao ser preguntada pola razón de acudir ao médico, dada a súa san e forte aparencia, respondíalle así a unha veciña amiga:
—E porque vai ser ! É por culpa dese diaño marelo que me pon dos nervios e non pego ollo desde hai semanas!
—Os que alí estabamos, ao principio dubidamos de se a muller estaba ben da cachola. Pero non tardamos en saber cal era a razón do seu desacougo, pois deseguido ela mesma no lo aclarou:
—Cala muller, estame afectando a saúde ese demo de Trump... Cada vez que ameaza a alguén, expulsa aos inmigrantes máis probes, remove iso dos aranceis ou entra a saco na vida doutros países, prodúceme unhas dores de cabeza que non hai paracetamol nin Ibuprofeno que mas quite. Eu antes vía a Galloso ou Pasapalabra, ría con Wyoming e lía ou escoitaba as novas con naturalidade. Pero agora que na televisión e na prensa non se fala doutra cousa, non son quen de quitarme da cabeza as ameazas dese presidente, por moi lonxe que estea Groenlandia. E veño a ver se a doutora me da algo, pois ata chego a pensar se son eu e non el quen está mal.
Cando a muller rematou, quen máis quen menos comezou a pensar se os recentes dores e preocupacións que padecían quizás non fosen pola gripe, senón por culpa dos bailes e das barrabasadas dese rubio chinclán que, queiramos ou non, capitaliza as nosas vidas.
Máis tarde disto que vos conto, tiven coñecemento de que a doutora, despois de tratar a varios doentes con parecidos síntomas, solicitou unha interconsulta co departamento psiquiátrico de Conxo. E, desde ese departamento, preguntáronlle a doutora se nos doentes tratados observara certos bailes descompensados. E ela, polo visto, sen decatarse de que mordía o seu beizo inferior e movía sen parar os seus brazos de adiante para atrás tal que o facía Trump, díxolle que si.