Barbanza Arousa conta con 69 empresas e servizos co selo de calidade, trala incorporación de 18 neste ano
23 nov 2025 . Actualizado a las 18:54 h.Ao longo deste ano, 18 empresas e servizos do destino Barbanza Arousa conseguiron o selo de calidade concedido pola Secretaría de Estado de Turismo. Con estas novas incorporacións pasan a ser 69 as entidades que locen a marca no territorio. A mancomunidade que aglutina aos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo é a impulsora deste proxecto, que busca mellorar tanto as prestacións que se poñen a disposición dos visitantes como a atención que estes reciben durante a súa estadía. O plan está en expansión
Un dos nove restaurantes de Barbanza Arousa que contan co distintivo Sicted é O Curral do Marqués de Taragoña. Alberto Carou, o propietario, explica que foi a estandarización dos procesos de calidade e o acceso a ferramentas para poder recibir feedback dos clientes ou dos servizos que ofrecemos o que o empurrou a implicarse neste proxecto. Asegura que o proceso para a consecución non lle resultou complicado: «Ten esa parte teórica e presencial que non é doada, pero que xa serve de moito. Nesa formación facilitan as ferramentas e os documentos para poder facer ese tipo de seguimentos de control da calidade».
En canto á repercusión que tivo contar co distintivo, sinala que é un indicativo de que «é un negocio cunha calidade estandarizada. O Sicted recoñécete como un establecemento de calidade nos procesos dentro do destino turístico». E o hostaleiro considera que tamén resulta beneficioso á hora de atraer turistas: «Se hai moitos negocios adheridos será un valor engadido». Está convencido de que «é unha garantía para o turista e tamén para as empresas».
O rianxeiro non dubida á hora de recomendarlle a outros empresarios que se sumen ao Sicted: «Danos unha visión externa. Ás veces estamos tan enfrascados no día a día, na monotonía da rutina e do traballo, que non nos paramos a pensar en certas cousas, en como nos ven os clientes dende fóra. Estamos acostumados a analizar todo dende dentro. Creo que é unha boa ferramenta para poñernos na pel do visitante».
«O cliente valora ir a un destino que conta con certificación»
«Unha certificación sempre é un síntoma de boa situación da empresa. Indica a calidade do servizo que dá e é un aliciente para poder aumentar o número de reservas directas ou un referente para que o cliente estea un pouco máis tranquilo sabendo que está nunha empresa certificada por unha terceira persoa». César Crussat, do Hotel Rural Entre Os Ríos, non ten dúbidas á hora de analizar os beneficios que ten contar co distintivo Sicted. Engade que, no seu caso, conseguilo foi doado: «Xa tiñamos a Q de Calidade, cando empezamos con iso si que foi máis complicado. Agora xa contabamos con experiencia na materia».
No seu caso, asegura que xa percibe os beneficios do Sicted no aumento das reservas directas, pero tamén destaca «as relacións humanas nas reunións entre as distintas empresas do sector no territorio». Amósase convencido de que repercute na atracción de turistas, tanto que Entre Os Ríos xa está mergullado na implantación da S de Sostibilidade: «O cliente valora ir a un destino que conta con certificación, dálle seguridade e tranquilidade».
Iso si, para que no destino Barbanza Arousa se vexan os resultados do programa Sicted, Crussat pensa que haberá que esperar: «É unha carreira a longo prazo». Considera que cantas máis empresas e servizos se sumen, mellor será para o conxunto: «Recoméndoo totalmente, porque ademais de repercutir no cliente, é unha maneira de mellorar os procesos internos para mellorar o servizo de cara ao usuario».
«É unha forma de mellorar e iso sempre é bo neste sector»
Nestes intres son catro os portos deportivos de Barbanza Arousa que locen o Sicted. Entre eles atópase o Club Náutico Barraña. Desde esta entidade, Rocío Rañó amósase satisfeita co proceso levado a cabo: «É un recoñecemento ao traballo diario e á melloras que imos implantando. Grazas a isto, en xullo logramos a Q de Calidade e a ISO 14001».
Para ela, o primeiro dos beneficios foi marcarse un reto e loitar pola súa consecución: «As melloras poden ser grandes ou pequenas, pero a cuestión é seguir mellorando cada día, porque iso vai repercutir na atención ao público, aos nosos clientes e aos nosos socios».
E pensa que, a medio e longo prazo, entrar neste programa repercutirá na atracción de visitantes: «Estar dentro dun sistema de calidade e poder informar diso aos clientes pode atraer máis xente. Ademais, a raíz disto tamén coñeces autónomos e propietarios doutras empresas cos que se pode colaborar nalgún tipo de accións conxuntas. É moi produtivo».
Neste sentido, Rocío Rañó subliña que son varias as empresas que están establecendo sinerxías para colaborar no destino, por exemplo, «realizando saídas en barco con comida nun restaurante e desprazamento incluídos. Creo que entre todos estamos avanzando en dar a coñecer o territorio». Ela xa lle recomendou a varios empresarios implicarse no Sicted: «A algunha empresa de turismo náutico e a negocios que están empezando en hostalaría. É unha forma de mellorar e iso sempre é bo neste sector».
«É necesario aumentar a calidade dos servizos e da atención»
Desde hai un par de anos, o Museo do Gravado de Artes loce o distintivo de calidade Sicted. O seu director, Xoán Pastor Rodríguez, explica que foi o interese pola mellora continua no servizo que o centro presta ao público o que o levou a mergullarse neste proceso. Sostén que os pasos a dar para obter o selo non son complicados, malia requiriren dedicarlle tempo.
Sobre os beneficios que tivo para a entidade participar neste plan, o director da sala situada na localidade ribeirense de Artes destaca «a mellora das infraestruturas, sobre todo en materia de accesibilidade, e da atención aos usuarios». Ao mesmo tempo, apunta que «o distintivo certifica unha mellora continuada ao longo do tempo e iso reflíctese no día a día».
O Museo do Gravado completou o proceso no 2023 e, polo de agora, o seu director non percibe unha repercusión directa na afluencia de visitas, aínda así, está convencido de que «este é camiño que se debe seguir». É consciente de que aínda é un plan que está en fase de consolidación en Barbanza Arousa, polo que anima ás institucións e ás empresas a que «continúen co seu labor, adaptándose ás melloras ás que se comprometen coa implantación do Sicted».
Satisfeito coa experiencia e coa incidencia que tivo para o centro artístico, Pastor Rodríguez convida aos negocios e aos servizos a sumarse a este gran proxecto: «É necesario que se loite pola mellora da calidade dos servizos e da atención aos que nos visitan».