«Fungócratas»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo de una recolección de setas.
Imagen de archivo de una recolección de setas. ANA GARCÍA

12 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres a Galicia interior peneiraba os bosques a ver se atopaba un miserable cogomelo, foi a costa galega e en especial a Costa da Morte o último refuxio da fungocracia. Desde as costas carnotás ou tamén do Barbanza, insensibles e opulentos cidadáns publicaban sen ningún tipo de piedade nos grupos de Facebook fotografías de espectaculares boletus edulis e pinarius ou níscalos para a desesperación dos micófilos do país.

Se estes días houbo unha fractura social efémera en Galicia, foi a dos fungotenentes fronte os fungodesexantes. En canto tirabas para o interior, mesmo nos sitios que nunca fallan, non había nin o cheiro a cogomelo. Un outono sen cogomelos non é o mesmo: eu sempre os interpreto coma o agasallo de consolación que nos dá o planeta ante a fin do verán. Enchoupamos de chuvia pero cando menos hai unha sartenada de cogomelos para un revolto.

Sempre me gustaron os fungos, pola súa rareza biolóxica e por ese xurdir caprichoso e sorpresivo que se nega a ser sometido pola agricultura. Por ese efecto máxico e relaxante que é o obrigarche a prestar atención ao solo e, coma cos petróglifos, comezar ao distinguilos da frouma soamente cando lles dedicas tempo e atención.

Os nosos vellos desconfiaban deles, e iso é máis por que sabían demasiado que por descoñecemento. Este ano cóllenme lonxe do Barbanza e non puiden ser dos poucos privilexiados que os atopou.

A ver se cos do mes de decembro, esas linguas de vaca, conseguimos algo máis. Entrementres, que vos aproveiten. E se convidades a algúns mellor.