Anda o ruxe-ruxe por todas partes das luces de Nadal. Propoño un plan sen fisuras: podiamos inauguralas en maio e quedar todo o verán con elas postas. Así de paso xa nos valen para as festas de agosto. Por que non? Os comerciantes afirman que a xente merca máis coas luces de Nadal prendidas. De aplicarmos esta lóxica con todas as consecuencias, sería de parvos non apostar por unhas pascuas permanente porque estamos a perder una morea de cartos.
Todos ganarían: os fabricantes de turrón, Mariah Carey e David Bisbal, os restaurantes cos lucrativos menús para grupos, as avoas cos seus netos e noras todo o día na casa, as tendas de agasallos e mesmo os fabricantes de matasogras e roupa interior vermella. Aínda máis: propoño que sexa San Valentín, Semana Santa e entroido todo o ano coas súas filloíñas, orellas e lacón, e mesmo tamén o meu aniversario, que algo de gasto aínda lle fago aos bares ese día.
O calendario é un dos mellores inventos de calquera civilización. Organiza a vida e a memoria, pauta as relacións sociais, dá sentido ao paso do tempo, crea momentos especiais, outorga paz. Os concellos deberan tomarse máis en serio as presións dun colectivo, especialmente se as súas presións teñen como consecuencia unha alteración importante do espazo público e mesmo da vida cotiá.
Unha vez que unha festa se desnaturaliza, a sociedade se volve máis gris, perde sentido de lugar e, ao final, consume menos. Así que non matemos á galiña dos ovos de ouro, que o Nadal non se inventa da nada.