Ribeira lembrou aos mártires galegos nun roteiro con catro paradas pola cidade
BARBANZA
No monumento do Malecón aos represaliados realizouse unha ofrenda floral
23 ago 2025 . Actualizado a las 12:29 h.Ribeira acolleu o venres a conmemoración do Día da Galiza Mártir, unha xornada organizada polo BNG en colaboración coa Asociación da Memoria Histórica do Barbanza, que contou cun roteiro con catro paradas desde a rúa Alexandre Bóveda ata o monumento do Malecón ás persoas represaliadas.
No acto lembrouse aos mártires galegos que sufriron cárcere, exilio e morte por defender unha Galicia libre e xusta. O percorrido simbolizouse coa colocación de lazos e unha ofrenda.
O responsable local do BNG, Rafael Pazos, iniciou o percorrido falando da «necesidade de manter viva a loita diante do perigoso avance da dereita reaccionaria». A continuación, a militante Xana Ledo afondou na figura de Alexandre Bóveda e na súa defensa da liberdade para o pobo galego. Tamén lembrou a anulación da súa sentenza condenatoria como cumprimento do acordo de investidura entre BNG e PSOE.
Na segunda parada, a concelleira Antía Alberte evocou a figura de Moncho Reboiras pero tamén falou da necesidade de coñecer a nosa historia e abordou esa unión que tiveron Bóveda e Castelao.
Pola súa banda, David González, militante de Galiza Nova, interveu na terceira parada para recuperar a memoria de Lustres Rivas, encarcerado na illa de San Simón.
Xa na última, Xoán Hermida, en representación da Asociación da Memoria Histórica do Barbanza, reclamou a eliminación da simboloxía franquista en rúas e igrexas, así como a reparación da memoria dos represaliados locais como Vicente López Novo ou Enrique Fernández Sendón.
O acto pechouse coa intervención do alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, quen salientou a importancia de «aprender de todos os que forman parte da nosa memoria para avanzar cara unha sociedade máis democrática e tolerante». Falou do compromiso de seguir avanzando na eliminación dos vestixios franquistas. Pérez Barral indicou que «os dereitos hai que defendelos sempre e non se poden dar por gañados».
O acto pechouse coa ofrenda floral no monumento que homenaxea ás máis de 150 persoas ribeirenses que sufriron represión e coa interpretación do himno galego.
--