Regresa o festival Olloboi, que recuperará o 6 de xuño a gran gala de entrega de premios

M. X. B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O prazo para remitir as pezas audiovisuais estará aberto ata o 18 de maio

10 feb 2025 . Actualizado a las 14:00 h.

A maquinaria organizativa do festival Olloboi xa está en marcha. A asociación promotora anunciou que nesta ocasión se recuperará o espírito de celebración e xuntanza, obxectivo que se materializará o 6 de xuño, data para a que foi fixada a gran gala de entrega de galardóns que volverá a ter como escenario a Abadía de San Enrique.

De momento, a organización abriu o prazo para o envío de curtas, que permanecerá activo ata o 18 de maio. Como en ocasións anteriores, o certame está dirixido a alumnado, familias, docentes e todo o persoal dos centros educativos, que poden consultar na páxina web olloboi.com as bases deste ano. Alí atoparán tamén o formulario de inscrición.

Os promotores do festival confían en superar a cifra de curtas que se rexistrou o ano pasado, cando concorreron un cento de traballos. De entre todas as pezas que se presenten seleccionaranse un máximo de tres, que terán dereito a asistir á vixésimo sexta edición do Festival Internacional de Viana do Castelo, que será en maio do próximo ano.

Desde a organización avanzaron que haberá novas que propiciarán que o Olloboi «salte á primeira división» do sector audiovisual. Engadiron que a festa final recuperará o esquema tradicional, coa celebración, pola mañá, da Muchachada, un encontro de escolares para a realización de curtas. Pola tarde desenvolverase a gala, que incluirá actuacións musicais e proxeccións.