O «eyeliner»

Laura Ríos
Laura Ríos A XANELA

BARBANZA

Una propuesta de maquillaje.
Una propuesta de maquillaje.

Agora xa podo ser unha rapaza normal que non deixa de preguntarse cousas transcendentais

13 jun 2024 . Actualizado a las 13:36 h.

O mes pasado levei a cabo una fazaña inimaxinable, unha desas que se lles deben contar aos fillos e netos coma se dunha guerra intergaláctica se tratase. Pois ben, cóntolles que xa sei que teñen curiosidade. O meu acto de autocoidado do mes foi ir ao súper e mercar un delineador de ollos. Dende ese momento, ese artefacto cun tamaño inferior ao dun bolígrafo converteuse para min case nunha especie de lanza.

Non é que eu adoite animar á xente a basear a súa personalidade en obxectos de consumo, pero tendo en conta que vivimos nun furado negro de compras compulsivas e culto á imaxe... quen son eu para opoñerme á tendencia xeral? Pois aquí me teñen, pensando que este mes son un pouco máis nova que o anterior porque agora son quen de facerme unha raia negra sobre as pestanas que grita: mírame, teño 24 anos, non sexas tan duro comigo.

A tinta deste aparello é, para os que me ven, coma unha especie de sinal dos tempos, un letreiro que indica que algo está cambiando no meu interior. Xa non fai falta que me faga a maior para finxir que sei o que estou facendo coa miña vida, nin poñerme tacóns altos para saír de festa e que me deixen entrar nas catro discotecas que quedan na comarca.

Agora xa podo ser unha rapaza normal que non deixa de preguntarse cousas transcendentais mentres perde o tempo entrando en páxinas de roupa vintage para ver se un bolso dos anos 2000 en bo estado lle da sentido á súa existencia. Vaia, cando era nena e imaxinaba o que era ser adulta pensaba en flamantes mozos mortos por levarme a un baile de fin de curso en Nova York. Hai que ver que voltas dá a vida.