Belén do Campo: «A unidade de día oncolóxica pronto será realidade no hospital comarcal»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Belén do Campo
Belén do Campo MARCOS CREO

Di que as Administracións deben cooperar para dar resposta ás demandas dos cidadáns

27 may 2024 . Actualizado a las 20:36 h.

Desempeña por segunda vez a responsabilidade de ser delegada da Xunta na Coruña, tras facelo anteriormente no período 2011 e 2015, pero coa bagaxe de ter sido neste tempo directora xeral de e Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e directora xeral de Patrimonio Natural. Belén do Campo (A Coruña, 1963) asegura que neste período ábrense novas expectativas e fala dos eixos da súa actividade: «Servizo público ao cidadán, buscando o entendemento entre Administracións para dar resposta ás demandas cidadás cun talante conciliador, de cooperación e traballo».

—A saúde é unha das maiores preocupacións e a falta de médicos suscita numerosas queixas.

—A falla de médicos de familia e pediatras é xeral. Nós fixemos un chamamento ao Ministerio de Sanidad, Dentro das súas competencias, a Xunta aplicou medidas lexislativas para ocupar prazas de difícil cobertura. Ultimamente houbo un incremento de catro en Ribeira dúas no centro de saúde de A Pobra, tres en Rianxo e outras tantas en Boiro. Tamén houbo un esforzo por incrementar os profesionais sanitarios con especialidade no hospital, con dez prazas máis. Estamos a aplicar medidas como incentivos retributivos, facilidades de conciliación ou estabilidade con contratos máis longos.

—Están proxectados centros de saúde en Noia, Porto do Son e Ribeira, aínda que no caso deste último falta a cesión de terreos.

—Estamos desexando que o Concello poña enriba da mesa propostas de terreos para que os técnicos analicen a súa idoneidade. A prioridade é que sexan edificios dunha planta, por accesibilidade e distribución, e que haxa espazo para aparcar.

—A proposta sonense é unha edificación sen acabar.

—Existen unhas premisas, pero son os técnicos os que deciden.

—Outra das obras previstas é a residencia do maior en Ribeira, ¿que prazos manexan?

Solicitouse a licenza ao Concello e agardamos tela en breve. O proxecto está redactado e supón un investimento de dez millóns de euros. A previsión é que este centro comarcal estea operativo antes de rematar o 2025. Constará de 100 prazas distribuídas en pequenos módulos de convivencia de 25 residentes. O deseño supón un novo modelo, como xa se dixo, con espazos máis acolledores e luminosos, dotados coas últimas tecnoloxías.

—E tamén leva falándose tempo da ampliación hospital.

—Existe un compromiso con tódolos veciños. Temos un novo equipo na área sanitaria que avaliará as prioridades e que fai especial fincapé na mellora da carteira de servizos. O máis próximo é a unidade de día oncolóxica, é unha das prioridades e pronto será realidade no hospital comarcal. Levamos 26 anos de hospital e fixéronse importantes actuacións, como a inversión de 1,6 millóns para ampliar as urxencias no 2020 ou, no 2022, o novo TAC. O centro ten 40 servizos sanitarios. Os compromisos adquiridos teñen futuro, pero tamén fai falla a colaboración do Concello. Por exemplo, o hospital ten un problema de aparcamento e hai que ver que chan temos a disposición. A Xunta aposta polos hospitais comarcais.

—No eido empresarial, os municipios de Arousa norte quedaron sen chan industrial e buscan o apoio da Administración para amplialo, con propostas no eido local e comarcal.

—A Consellería de Industria mantivo reunións con rexedores para coñecer as necesidades. Que as entidades empresariais demanden chan é positivo. Vanse analizar as propostas para ver que opcións poden encaixar. A Xunta saca cada ano ordes de axudas para distintos aspectos e hai que aproveitar esa oportunidade tamén co fin de optar a financiación.

«Apostamos pola continuidade da circunvalación de Ribeira»

Tras o último cambio, son 73 os concellos que están baixo a competencia de Belén do Campo como delegada da Xunta na provincia coruñesa. Isto motiva que sexan numerosos os ámbitos nos que está presente.

—A Xunta leva a cabo a primeira fase da circunvalación de Ribeira, pero o novo goberno é partidario de explorar un trazado alternativo na estrada de Frións. ¿Vaise seguir coa obra?

—A continuidade do proxecto estase freando por parte do Concello. A Xunta en clara a actuación, pero trasladóusenos por parte do Concello que ese trazado non lle vale. Apostamos pola continuidade da circunvalación de Ribeira, sería unha falta de miras por parte do actual executivo non apostar pola circunvalación prevista. A outra estrada é da Deputación da Coruña e nós non imos entrar, os compromisos da Xunta están enriba da mesa.

—¿Para cando o desdobre do corredor Brión-Noia?

Estamos co estudo de impacto ambiental, na fase de información por parte de cada organismo. É un investimento importsante, 30 millóns de euros nun tramo duns dez quilómetros. Cada unha das propostas revisaranse e continuamos avanzando para facer realidade a actuación.

—Outro dos ámbitos inquedanza cidadá é o educativo, aspectos como a carencia de prazas en escolas de educación infantil.

—A creación de escolas infantís é unha aposta da Xunta. En Ribeira, por exemplo, o Goberno ofreceuse a financiar unha escola infantil en Aguiño a través dunha orde especial de axudas, pero o Concello non o solicitou En Outes pediron acollerse e ampliaron a escola. Estas son ordes que saen cada ano e poden aproveitarse. Galicia é a comunidade líder na matrícula en escolas infantís.

—As comunidades educativas quéixanse da falta de docentes en atención a diversidade.

—A atención á diversidade é un sinal de identidade en Galicia. Somos o sistema educativo máis inclusivo de España. O 94 % do alumnado con necesidades especiais está en centros comúns. Cando un docente ou unha dirección traslada a necesidade de atención por parte dun rapaz, dáselle resposta.