Maridaxe de caldo e versos en Barbanza para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Veciños de varias localidades sumáronse á conmemoración do aniversario do nacemento da escritora

24 feb 2024 . Actualizado a las 18:56 h.

Varias localidades de Barbanza sumáronse este venres á gran homenaxe que se lle rendeu en Galicia a Rosalía de Castro coincidindo coa data do seu nacemento. As actividades programadas tiveron como resultado unha maridaxe de versos, os da escritora do Sar que resoaron en varios puntos da comarca, e caldo de gloria, ao que a autora fai referencia no poema Miña casiña, meu lar.

Ámbolos dous elementos cobraron relevancia na Pobra onde, como non podía ser de outro xeito, o Concello convocou aos veciños na praza que leva o nome da autora de Follas novas. O alcalde, José Carlos Vidal, leu un manifesto poñendo de relevo a importancia da escritora, tanto no eido das letras como no do galeguismo. De seguido, realizouse unha ofrenda floral e os asistentes degustaron caldo ao son da música tradicional de Xiada. Previamente, escolares da vila recitaran poemas no Elma.

Nesta vila, a asociación Amas de Casa renderalle este sábado a súa particular homenaxe a Rosalía. Será a través dun espectáculo que correrá a cargo da coral Abrente, que preparou un repertorio especial baixo o título No bico un cantar. Será ás 19.00 horas, no cine Elma.

Animados polo Concello, media ducia de bares de Ribeira tamén incluíron no menú ou serviron de tapa caldo de gloria. A actividade gastronómico integrou un cartel no que figuraban un espectáculo de Soledad Felloza para os alumnos de primaria, a entrega dun libro e unha flor aos usuarios da biblioteca e un recital previsto para a noite.

Nos colexios

Rosalía de Castro tamén estivo presente en boa parte dos centros educativos de Barbanza. No CEIP O Grupo ribeirense, as mesas do comedor cubríronse con manteis dedicados á escritora, que foron facilitados a través da ANPA pola fundación que mantén viva a súa memoria. E desde o CIFP Coroso ata convidaron á veciñanza a sumarse aos acto que levaron a cabo na porta do centro. Comezaron cunha lectura de poemas, a cargo de alumnos e mestres, e culminaron cunha degustación de caldo de gloria, que foi preparado polos alumnos de segundo curso de formación profesional básica de industrias alimentarias.