Baldo Ramos e Pepe Cáccamoveñen de expoñer na Galería Metro, de Santiago, un dos espazos salientables da escena plástica galega hoxe en día, a colección
26 feb 2024 . Actualizado a las 17:35 h.Baldo Ramos e Pepe Cáccamo teñen unha relación asidua co eido artístico da Barbanza. Xa o destacamos en máis dunha ocasión. Ambos seguen, mesmo na data deste comentario, en proxectos e producións de orixe ou participación barbancesa, intervindo con cadanseu traballo, dentro da súa liña máis actual.
A relación é, ademais, dilatada no tempo, e a súa presenza nos actos de Barbantia, con maior ou menor frecuencia, segundo o caso, tamén.
Desta volta veñen de expoñer na Galería Metro, de Santiago, un dos espazos salientables da escena plástica galega hoxe en día, a colección que leva por nome Criptografías. É unha serie que emparella a súa última proposta poética e visual en forma de libro, que está a circular nestes intres, acompañando a xira da mostra.
Leer más: Ulla sacro
Criptografías foi definida como un exercicio común de escrita secreta. Pareceume unha definición fermosa, moi literaria. Hai expresións, ás veces, dunha sorte ben reveladora pola súa mera sinxeleza.
Pepe Cáccamo adéntrase na intricada silveira das metasemánticas xogando co fonema e coa súa representación, co debuxo da palabra e coas composicións texto-visuais. Baldo Ramos rolda na simbiose caligráfica-caligrámica coa xestualidade e os principios artísticos do ideograma.
Recoñecemento
Hai un recoñecemento explícito e conxunto da vía intuitiva. Mesmo rebordando os límites do xogo; da sucesión de pinchos emocionais que é a mutua lectura. Aí moito do sentido do nome: criptografías. Aí a permeabilidade cara aos outros significados que sempre entraña a obra de arte, alén da visualización primeira, da súa comprensión inicial ou da súa escoita inmediata. É unha cousa que entendemos sempre mellor no abano suxestivo da música, porque o mundo está seguido a nos educar auditivamente. Mais diría que é por igual notorio na danza xestual de Baldo, na rítmica caligráfica de Cáccamo, no bisbo sensorial que está en ambos.
Compre detérmonos, tamén, na cerna das dúas escollas: o fundamento da páxina iluminada; a páxina como folla desbrozadora da neutralidade convencional; a páxina como soporte declamatorio do azo filosófico, como recurso do vieiro estético. E velaí as implicacións para o concepto do libro.
Paradigmas
Coido que algo está a suceder ao redor del; ao redor da cognición bibliográfica. Coido que algo está a anovar decisivamente. É importante destacar que ambos son paradigmas da fusión plástico-poética coa muda do formato. Non me estou a referir á escala de intereses creativos que adoito teñen os artistas. Estou a falar da fusión como principio, como eixo da acción artística. Neste sentido, atopándonos diante de dous dos actores máis nomeados no contexto da arte galega actual, pois que están a nos dar a posibilidade, quizais a clave, deses novos camiños polos que botar a andar, trala súa crise, o libro.