Esperanza Mara, cantante de ópera: «Vívese mellor nun mundo sen gaiolas»

Christopher Rodríguez
Christopher Rodríguez LA VOZ / RIBEIRA

BARBANZA

MARCOS CREO

A noiesa actúa en «Papagena», un espectáculo inspirado en «A frauta máxica» de Mozart

16 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os grandes xenios perduran no tempo. As súas obras permanecen no recordo co paso dos séculos, xerando admiración e inspiración en artistas de diferentes épocas. Un destes elixidos foi o compositor e pianista Wolfgang Amadeus Mozart, cuxa música está considerada como unha das máis valiosas da historia.

Tanto é así, que máis de douscentos anos despois da súa creación, a obra A frauta máxica serve de inspiración a óperas como Papagena, na que actúa a soprano Esperanza Mara (Noia, 1989), que asegura que este espectáculo «non vai deixar indiferente a ninguén do público».

A representación está baseada na parella de persoas-paxaro da popular composición do austríaco e presenta unha serie de adaptacións que aproxima a mesma á etapa contemporánea: «A historia é moi semellante á orixinal, pero introducimos algún que outro aspecto da actualidade. A música é electrónica e a representación caracterízase polo uso da luz e por non dispor dunha orquestra».

Trala súa preestrea en Rianxo e o debut oficial en Pontevedra, Papagena recalará mañá na praza Constitución de Fisterra a partir das 20.00 horas, co comezo dunha xira que se prolongará ata o vindeiro mes de novembro con actuacións gratuítas en emprazamentos distribuídos por toda a xeografía galega.

«Noso obxectivo é que toda Galicia poida ser testemuña deste espectáculo. Utilizamos sons aos que os mozos están acostumados. Somos tan só dous cantantes e a música outorga moitas posibilidades», afirma Mara.

A compañía ButacaZero, dirixida pola rianxeira Esther Carrodeguas e por Xavier Castiñeira, foi a artífice da creación desta obra, que naceu da vontade de afondar nos clixés de xénero e de rachar con outras concepcións asociadas habitualmente ao mundo da lírica.

Un enorme reto

Os novos aspectos de formato desta ópera propiciaron que Esperanza Mara tivera que sacar todo o seu talento a relucir para obter un resultado óptimo para a representación, nun dos retos máis complicados aos que se enfrontou nos últimos tempos: «A música contemporánea presenta máis obstáculos que a clásica. É unha obra moi dinámica e baseada no movemento, polo que se lle engade un punto de dificultade ao feito de cantar».

Ademais, a artista subliñou que ao contar con só dous cantantes, non hai descanso posible, polo que ela está presente no escenario durante os 50 minutos nos que se desenvolve a acción.

Unha das características principais de Papagena é a súa ensinanza. O espectáculo xira en torno a unha parella envolta nunha gran toxicidade, tratando a relación coma unha especie de cárcere da que a protagonista desexa fuxir: «Vívese mellor nun mundo sen gaiolas. Con esta ópera dáse esperanza a todas esas mulleres que nalgún momento estiveron atrapadas. É unha das poucas obras que representa unha realidade tan crúa».

Isto pon en valor o traballo realizado en torno á representación, que mentres rememora unha das máis coñecidas e aclamadas óperas da historia, ten tempo a criticar e visibilizar unha das problemáticas candentes na sociedade actual: «Eu vivín micromachismos en relacións, coa familia e coas miñas amigas. Síntome moi orgullosa e cunha gran responsabilidade nas costas por poder ser partícipe de algo que mostra a través da arte un tema de tanta relevancia social».

É posible que Papagena non entre nos canons habituais dunha ópera ao uso, pero esa é unha das características que a fai especial para a súa intérprete principal: «É unha versión moi actualizada. O público debera vir coa mentalidade aberta, preparado para apreciar algo inesperado para todo tipo de espectadores».

Datas e horarios.

Papagena recorrerá toda Galicia cunha función cada fin de semana, visitando 12 localidades galegas coma Fisterra, Muros ou Boiro. Todas as entradas serán de balde co obxectivo de favorecer o achegamento da ópera ao público. As datas e horarios están dispoñibles na páxina web butacazero.net.