Os institutos Praia de Barraña e Virxe do Mar, premiados no rexurdir do Olloboi

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Recuperar o espírito de creación e a ilusión polo cine foron os obxectivos desta edición do festival escolar

12 jun 2022 . Actualizado a las 14:17 h.

Notáronse, nesta edición do Olloboi, as consecuencias da pandemia, pois diminuíu o número de participantes, pero o festival buscaba recuperar o espírito de creación e a ilusión polo cine, e así foi. Foron 45 os centros que se sumaron á convocatoria, presentando un cento de traballos. Entre os galardoados hai dou institutos de Barbanza: o Praia Barraña de Boiro, que se impuxo na categoría de videocreación con Migrando, unha peza audiovisual artística; e o Virxe do Mar noiés, que gañou na sección de videoclip con Vente ventiño, unha curta que incorpora música interpretada polo alumnado.

Como vén ocorrendo neste certame escolar desde a súa creación, a relación de premiados é moito máis longa. Destaca o Zamburrioi, a distinción que conceden os impulsores do certame, que nesta ocasión foi para o IES Eusebio de A Guarda. A maiores, na categoría Plus 18 gañou o IES Audiovisual de Vigo; na Escolas, o IES Milladoiro; e na Peque —para centros de infantil e primaria—, o CEIP Carballal (Marín). O Olloboi Redes distribuíuse entre o CPI O Cruce (Cerceda), que se impuxo na sección para mestres, e o CEIP de Ventín, que se alzou coa distinción reservada para estudantes.

O resto de galardóns repartíronse do seguinte xeito: o premios ao guión foi para o IES Poeta Díaz (Castro), á imaxe para o IES María Soliño (Cangas), á interpretación para o IES Meaño e á animación para o IES As Barxas (Moaña).

Curta feita pola Muchachada

A última das distincións reservouse para unha curtametraxe elaborada o mesmo día da gala, no marco da Muchachada, un obradoiro audiovisual que contou coa participación de 140 alumnos dunha decena de centros educativos. O tema desta edición era Tralas máscaras, enfocado á despedida do covid e o regreso da festa. O gañador foi As fillas do entroido, un traballo realizado por estudantes do IES Xelmírez.

A entrega deste galardón correu a cargo do actor Miguel de Lira e de Marga Sampedro, técnica do departamento municipal boirense de Cultura. Pero os que exerceron de mestres de cerimonias nesta edición do Olloboi, que se desenvolveu nos xardíns do negocio hostaleiro Abadía de San Enrique, foron outros dous actores, Sabela Hermida e Federico Pérez, que contou colaboración da súa filla Xulia.

Aínda que o covid provocou que non se conseguise igualar a cifra de participantes da edición pasada, o festival demostrou que segue vivo e con gañar de seguir medrando. Proba diso foron as 350 persoas que presenciaron a gala de entrega de premios, un número histórico ao que nunca antes se chegara. Tamén foi a edición do festival á que máis cineastas se sumaron, algúns deles, antigos concursantes que volven para colaborar nas tarefas organizativas. Cúmprese así unha importante premisa: crear canteira no sector audiovisual.