Raposos e falcóns

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

13 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días que volven as polémicas sobre a convivencia entre humanos e animais nos montes de Barbanza, teño que contar unha das mellores historias que levo escoitado nos últimos meses. Como saben, nos diferentes concellos de Barbanza hai unha certa tradición de cría de aves rapaces, todo un mundo mesmo con curiosas conexións internacionais.

O caso é que a un destes criadores escapóuselle un falcón. Como os paxaros levan nas patas uns emisores de radio, foron na súa procura e dérono localizado no interior da horta dunha casa. Os propietarios non estaban. Por suposto, o falcón non estaba tan interesado en okupar a vivenda como o estaba no galiñeiro. Os criadores saltaron o valado para recoller o falcón, que estaba a darse unha paparota cunha galiña. Cando o deron sacado, coa cabeza máis fría, os criadores pensaron que estaban sendo desconsiderados. Así que volveron saltar o muro, colleron a galiña morta, levantáronlle a ala, e puxéronlle dentro dez euros alí prendidos para que non saísen voando.

Non acabou aí a cousa. Foi saltar o muro e volveren os arrepentimentos. «Pero é que ata nin lles pedimos desculpas nin nada!». E alá saltaron para dentro da finca outra vez, foron onda a galiña, colleron os dez euros e engadíronlles un papeliño escrito á man co seguinte texto: «Disculpen las molestias. Firmado: el Raposo». Nótese que, para darlle máis veracidade ao asunto, os criadores usaron o castelán, que todo o mundo sabe que é a lingua dos raposos. O que non sei é que pensaría o falcón desta suplantación de identidade.