Os mércores dos castros

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Castro de Neixón en Boiro.
Castro de Neixón en Boiro.

«Moitos europeos fican sorprendidos do interesantes que resultan os nosos xacementos arqueolóxicos, e da cantidade de investigación que existe sobre moitos deles»

14 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai uns cantos meses participo dunha iniciativa colectiva ben interesante. Chámase #HillfortsWednesday, que traducido significa Os mércores dos castros, e é ben simple. Trátase de publicar na rede social Twitter, ao longo do mércores, algún contido que teña que ver con castros, preferentemente en inglés, para un público internacional ao que lle gusta saber sobre estas fortificacións, porque castros hainos en moitos sitios. Non só son cousa nosa.

 Aínda que este cancelo é usado en todo o mundo, a maior parte dos contidos corresponden a castros das illas británicas... e Galicia. Pola miña conta, xa teño publicados chíos e fíos (unha cadea máis ou menos longa de fíos), falando de moitos castros do país, pero préstolles unha atención especial aos do Barbanza. Escribín sobre Baroña, A Lagoa, Illa do Mar, o castro da Cidade, Porto Baixo, Punta Ostreira, Posmarcos, Neixón ou o bonito castriño rianxeiro de Brión. En xeral, para que negalo, aqueles que sexan relativamente recoñecibles nas fotografías ou dos que teñamos unha boa historia.

O resultado de contar estes castros en inglés é prodixioso. Moitos europeos fican sorprendidos do interesantes que resultan os nosos xacementos arqueolóxicos, e da cantidade de investigación que existe sobre moitos deles. Para un británico, un castro galego é algo próximo e, ao tempo, distinto, máis visual. Grazas a que os nosos devanceiros fixeron as casas en pedra, os nosos castros son hoxe moi entendibles como aldeas.

Velaí unha potencia por explotar.